A arte contemporánea agroma na rúa

Pontevedra
26 de abril 2016

Os artistas Basilisa Fiestras e Hugo Aldatz ofreceron un adianto da xornada creativa prevista para este sábado 30 na praza da Ferrería. Durante este mércores e xoves tamén se poderán ver outras intervencións dos participantes

Actividades de 'Artistas na rúa'
Actividades de 'Artistas na rúa' / Mónica Patxot

'Artistas na rúa' ocupará este sábado, durante a mañá e a tarde, a praza da Ferrería con varias creacións artísticas, a maioría delas elaboradas por emprendedores formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Como anticipo, desde este martes 26 ata o xoves 28, os seis participantes deste evento desenvolven intervencións artísticas na praza da Peregrina. Este martes Basilisa Fiestras convidou os viandantes a meter un dedo en escaiola para despois realizar unha creación conceptual no centro da praza. Hugo Aldatz, pola súa banda, avanzou a súa proposta de crear con madeira casas para paxaros.

Durante este mércores 27, a partir das 18.00 horas, Román Corbato e Macarena Montesinos trasladarán as súas iniciativas a leste mesmo espazo. E o xoves, ás 18.00 horas, Roi Domínguez e Isaac Sucasas tamén realizarán as súas intervencións artísticas na Peregrina.