O gran taller artístico da Ferrería abre as portas a mentes inquedas

Pontevedra
01 de maio 2016

Coa idea de naturalizar as artes, seis creadores amosaron durante este sábado as súas técnicas na Ferrería interactuando coas persoas que pasaban pola praza para que participasen no seu proxecto artístico

Artistas na rúa 2016
Artistas na rúa 2016 / Bea Mazaira

Basilisa Fiestras, Macarena Montesinos, Román Corbato, Isaac Sucasas, Roi Domínguez e Hugo Aldatz son os nomes dos seis artistas que este último sábado de abril ofreceron os seus traballos ao público que se pasaba polo centro da cidade coa intención de que puidesen observar as súas propostas.

Este proxecto, promovido por Bea Mazaira e María Rey, denominado 'Artistas na Rúa' conta con varios creadores que se formaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e busca un achegamento entre o espectador e o artista. Así, durante esta xornada, algúns viandantes formaron parte destas iniciativas como a elaboración de tallas de escaiola, lendo poesía, construíron esculturas con material  ou comprobaron como as pombas poden formar parte dunha proposta artística.

Os creativos seleccionados para participar nesta edición son contratados durante as seis horas nas que desenvolven o proxecto cun salario de 200 euros e 50 euros para cubrir os gastos de material.