A Banda de Música de Pontevedra fai un repaso polo mundo Disney nun concerto solidario

Pontevedra
02 de xaneiro 2019

A cita será ás 21.00 horas do venres 4 no Pazo da Cultura. O actor Esteban Acuña servirá de fío condutor coa axuda das voces de Irene Caruncho e Daniel Sierra.  Ademais, sobre o escenario estarán entre 110 e 120 voces infantís do coro A Xunqueira, o coro Luís García Limeses e o grupo Cantalúa 

Carmen Fouces e Rafael Agulló presentaron o concerto solidario da Banda de Música de Pontevedra
Carmen Fouces e Rafael Agulló presentaron o concerto solidario da Banda de Música de Pontevedra / Mónica Patxot

A Banda de Música de Pontevedra fará un repaso polo mundo Disney no seu primeiro concerto do ano, unha actuación con fins solidarios prevista para este venres 4 na que os cinco euros de entrada estarán destinadas ás causas de varias entidades sociais coa que empezaron a traballar, fundamentalmente, á ONG Educa e a un dos seus proxectos para mellor a educación doutros países do sur.

A cita será ás 21.00 horas no Pazo da Cultura e, aínda que ten temática infantil, está pensado para toda a familia e os seus promotores están convencidos de que gustará a avós, pais e fillos e "non vai deixar indiferente a ninguén". 

O eixo da cita musicial será a historia de Walt Disney. O actor Esteban Acuña irá contando desde os seus inicios como repartidor e xornais aos 7-8 anos ata o seu éxito como responsable das películas de animación máis inesquecibles. Para facelo, contará coa axuda de dúas voces de renome no panorama musical galego: Irene Caruncho e Daniel Sierra

Ademais, sobre o escenario estarán a Banda de Música de Pontevedra e outras entre 110 e 120 voces infantís de tres agrupacións pontevedresas: o coro A Xunqueira, o coro Luís García Limeses e o grupo Cantalúa. 

O espectáculo fará un repaso pola traxectoria vital e profesional do creador de Walt Disney e acompañará a música coa proyeccion de imaxes das súas creacións máis destacadas, desde a primeira gran produción, Blancanieves, ata Mulán, O Rey León, Mary Poppins, O Libro da Selva ou Mickey Mouse. Tamén haberá unha pequena chiscadela ás producións de Pixar ou Lucasfilm. 

O director da Banda, Rafael Agulló, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentaron este mércores a iniciativa, que se enmarca no Ciclo de Butaca da Banda de Música. A representante municipal incidiu no seu carácter solidario e deu as grazas á agrupación musical por unha actuación con fins sociais "agora que xa non está tan de moda facer concertos e actos solidarios"

Aquí pode consultar o programa do concerto.