O director Frank de Vuyst, tres veces gañador da Batuta de Ouro, estrela do Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra

Pontevedra
20 de marzo 2019

O Ciclo de Butaca continúa este domingo 24 co concerto "Ventos do Nordés" que se celebrará no Teatro Principal a partir das 12:30 horas. Ao longo de abril e maio haberá outros catro concertos con temáticas heteroxéneas.

Presentación da programación do Ciclo de Butaca
Presentación da programación do Ciclo de Butaca / PontevedraViva

O Ciclo de Butaca da Banda de Música de Pontevedra reemprendeu a súa segunda tempada tras a pausa que supuxo Domingos do Principal. Despois dunha primeira fase moi exitosa, segundo proclamou Carmen Fouces, a concelleira de Cultura, a organización presentou a súa segunda tempada, que inclúe outros seis concertos que se celebrarán de marzo a maio e suman un total de 14 no ciclo 2018/2019.

Na mañá deste mércores, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, xunto ao director titular da banda, Rafael Agulló e ao que será o novo presidente da formación, Jorge González, presentaron "un programa que de seguro será para todos os gustos" e que se espera reciba a acollida que obtivo o ciclo na primeira fase. 

A tempada abriuse co concerto "Musicum Sacrum", celebrado o 10 de marzo na Igrexa de San Bartolomé e que contou coa actuación da Coral Polifónica de Pontevedra. 

O ciclo completarase coas seguintes actuacións gratuitas nos próximos meses:

  • 24 de marzo. "Ventos do Nordés"  co director titular Rafael Agulló. Teatro Principal, ás 12:30 horas.
  • 7 de abril. "Sinérxias" coa colaboración do Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra "Manuel Quiroga" e con Rafael Agulló como director. Teatro Principal, ás 12:30 horas.
  • 27 de abril. "Aires Latinos" co director convidado Frank de Vuyst, tres veces gañador da Batuta de Ouro do Certame Internacional "Vila d'Altea"Teatro Principal, ás 21:00 horas. Este director belga é o máximo responsable artístico do Congreso Internacional de Música para Banda, que organiza a Alcaldía de Medellín dende 2010.
  • 12 de maio. "A música dos Deuses" con David Pérez Trigo como director. Teatro Principal, ás 12:30 horas.
  • 19 de maio. "A Gata con Zocos" co director titular Rafael Agulló e con A Cova das Letras e Manuel Paino como artistas convidados. Trátase dunha adaptación musical da recoñecida fábula. Teatro Principal, ás 12:30 horas.

Na presentación amosaron, así mesmo, o cheque de recadación pertencente ao concerto solidario celebrado o 4 de xaneiro no Pazo da Cultura, 'Walt Disney o soñador'. Recollida dentro da primeira fase, o obxectivo que perseguía a actuación solidaria era colectar fondos para as entidades sociais coas que a Banda de Música comezara a traballar, entre elas, a ONG Educa. A actuación baseouse na temática infantil e fixo un percorrido por varias das obras musicais características dos clásicos de Disney, dando como resultado unha asistencia de 367 persoas e unha recadación de 1.835 euros que se donarán a Destino Uganda para a financiación da reforma dunha escola.