A Banda de Música de Salcedo entrega os pins de benvida a unha quincena de novos membros

Pontevedra
21 de novembro 2022

A Asociación Músico-Cultural San Martiño celebrou o día de Santa Icía cun concerto da Banda de Música de Salcedo e da Banda Xuvenil baseado en temas de Broadway, algún deles coa participación excepcional da cantante Mariña Rey Noya e o Ballet Plié Dance School que contribuíron a darlle maior realce ao espectáculo exhibido no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra

Concerto da Banda de Música de Salcedo
Concerto da Banda de Música de Salcedo / Asociación Músico-Cultural San Martiño

A Asociación Músico-Cultural San Martiño celebrou o día de Santa Icía cun concerto da Banda de Música de Salcedo e da Banda Xuvenil con temas das famosas obras de teatro musicais de Broadway, algún deles coa participación excepcional da cantante Mariña Rey Noya e o Ballet Plié Dance School que contribuíron a darlle maior realce ao espectáculo exhibido no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ao remate do concerto, o presidente da Asociación Músico-Cultural San Martiño, Jorge Carballo Lareu, procedeu a dar paso ao acto de entrega das mencións anuais de Santa Icía a aquelas persoas e entidades que dalgún xeito contribúen no desenvolvemento desta entidade e das propias bandas e agrupación musicais ligadas a este colectivo.

Así este ano no apartado de persoa xurídica a mención recaiu en José Luis Sarandeses, técnico da área de Cultura do Concello de Pontevedra "pola súa total dispoñibilidade, asesoramento e colaboración no desenvolvemento da actividade da Asociación", según Jorge Carballo.

Na modalidade de persoa física a mención foi para Juan Portela Varela, mestre da Escola de Música nas especialidades de trombón, tuba e bombardino nos últimos 15 anos. "O seu labor como docente deixa unha importante impronta musical e persoal nun numeroso alumnado que da súa man medrou como músico dentro da nosa entidade", sinalou o presidente da Asociación.

Finalmente, o presidente fixo entrega dos "pins" da Banda de Música de Salcedo ás 15 novas incorporacións nas seccións de oboe, frauta, clarinete, saxofón, trompeta, trombón, tuba e percusión o que dá boa conta da vitalidade e do aumento de músicos en esta agrupación, moitos deles procedentes da "canteira" que supón a Escola de Música de Salcedo.