'A Biblio volve ao xardín' no Botánico de Caldas de Reis en setembro

Umia
25 de agosto 2020

Por mor da situación sanitaria, a actividade de animación trasládase ao exterior do edificio da Biblioteca Municipal. Ao igual que no pasado mes de xullo, o Xardín Botánico será o escenario dun programa con 4 xornadas de contos e maxia, entre o 1 e o 4 de setembro ás 12.00 horas

Espectáculo de animación no Xardín Botánico de Caldas de Reis
Espectáculo de animación no Xardín Botánico de Caldas de Reis

A Biblioteca Pública Municipal de Caldas de Reis retoma no mes de setembro as actividades culturais e de animación á lectura destinadas aos nenos co programa 'Ler Conta Moito' da Xunta de Galicia.

Por mor da situación sanitaria, a actividade trasládase ao exterior do edificio. Ao igual que no pasado mes de xullo, o Xardín Botánico será o escenario dun programa con 4 xornadas de contos e maxia, entre o 1 e o 4 de setembro ás 12.00 horas. Este lugar emblemático de Caldas está conectado á Biblioteca Pública e funciona como un espazo apropiado para a celebración das actividades infantís lúdico-culturais ao aire libre.

A participación en 'A Biblio volve ao xardín' ten as prazas limitadas, polo que é preciso apuntarse previamente na propia Biblioteca en horario de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres, ou no teléfono 986 53 06 04. O prazo de inscrición xa está aberto.

Segundo informan fontes municipais, "o desenvolvemento das actividades levarase a cabo seguindo todos os protocolos e medidas de seguridade precisas fronte a Covid-19 coa obrigatoriedade de usar máscara e de gardar as distancias de seguridade".

O día 1 de setembro representarase "Utopías", da compañía Xarope Tulú, un espectáculo de narración oral destinado a rapaces a partir dos 3 anos de idade que combina a narración coa manipulación de obxectos.

O mércores día 2, a editorial OQO ofrece "Os contos da leiteira", unha sesión de contacontos que neste caso se dirixe a nenos maiores de 4 anos. O espectáculo dá voz a historias de mulleres intrépidas, loitadoras e soñadoras.

A narración oral continúa o xoves 3 da man de Marisa Irimia, que achega a función "Contos de cogomelos, canela e melón", un conxunto de historias máxicas e emocionantes para maiores de 3 anos que trasladan aos cativos a outros mundos, culturas e realidades diferentes mostrando os libros como os valiosísimos obxectos que son.

Pechará o programa o venres 4 de setembro un espectáculo de maxia co Mago Paco, que presenta "Maxia divertida 3.0" para nenos a partir dos 4 anos.