Caldas contrata o Plan de Restauración do Xardín Botánico

Umia
19 de setembro 2020

O plan incluirá un estudo histórico do conxunto e unha análise pormenorizada das alternativas a desenvolver para a súa conservación que terá en conta as propostas técnicas, os materiais a aplicar, o mobiliario ou o equipamento

Xardín botánico de Caldas
Xardín botánico de Caldas / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis aprobou a contratación do proxecto técnico de restauración do Xardín Botánico de Caldas de Reis, Catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dun documento estratéxico necesario para poder acceder ás axudas do Goberno central para a conservación do patrimonio arquitectónico dentro do marco do 1,5% cultural, así como a outras liñas de subvención.

O Plan de Restauración do Xardín Botánico servirá fundamentalmente para marcar baixo criterios técnicos e profesionais a planificación regrada do mantemento, conservación e reposición do espazo. Porén, incluirá un estudo histórico do conxunto e unha análise pormenorizada das alternativas a desenvolver para a súa conservación que terá en conta as propostas técnicas, os materiais a aplicar, o mobiliario ou o equipamento. Ademais, o documento complementará o Plan Director do Arborado realizado o ano pasado, que inclúe propostas de mellora e xestión integral dos espazos formados pola Carballeira e o Xardín Botánico.

A coordinación estará baixo as ordes do doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza, que dirixirá para o seu desenvolvemento a un equipo multidisciplinar con experiencia en traballos deste tipo, para o que está destinado un orzamento de 12.400 euros por pate do Concello.

O XARDÍN BOTÁNICO

O Xardín de Caldas remóntase a 1884 e foi declarado como Paraxe Pintoresca e Xardín Histórico en 1962, pasando a ser BIC en 1985. Neste enclave atópanse 400 árbores de especies chegadas dos 5 continentes, especialmente de América. Tamén destaca a súa gran colección de camelias. Trátase dun espazo natural "incrustado" ao mesmo tempo no casco urbano que, xunto coa carballeira, conforman na marxe do río Umia un lugar con encanto especial moi utilizado para o lecer de veciños e visitantes.