A Biblioneta de 'Ven a conto!' chega a Poio para fomentar a lectura

Poio
10 de agosto 2021

A actividade é unha das iniciativas estrela do programa Descubre o teu interior, impulsado pola Concellería de Cultura, e comeza este mércores cunha primeira sesión na Praza Alfredo Romay, en Samieira

A Biblioneta
A Biblioneta / Concello de Poio

A Praza Alfredo Romay, na parroquia de Samieira, acollerá este mércores 11 de agosto, a partires das 10.30 horas, a estrea dunha das grandes citas do programa Descubre o teu interior, impulsado pola Concellería de Cultura co obxectivo de ofrecer propostas de lecer, en clave cultural e poñendo en valor a tradición e os atractivos de Poio, entre a rapazada. 

Trátase de 'Ven a conto!', no que a protagonista é unha biblioteca itinerante, a Biblioneta, un vehículo equipado e adaptado para transportar e amosar libros, de xeito seguro e responsable, a rapaces do municipio. 

“Con esta fórmula logramos achegar a cultura, a través de actividades que sirvan para fomentar a lectura entre os nosos cativos e cativas, chegando ao maior número de lugares das cinco parroquias”, indica a concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez.

Ademais da sesión en Samieira, o xoves a biblioneta desprazarase ata as inmediacións da igrexa de San Martiño, en San Xoán.

Ademais destas primeiras sesións do 'Vén a conto!', a música tamén terá un marcado protagonismo ao longo desta semana dentro do programa estival cultural. Así, o xoves volve Soan daquí, unha iniciativa pensada para promocionar a artistas locais da vila. Neste caso, a Casa Rosada acollerá, a partir das 20.30 horas, un concerto a cargo da cantante Marietta e de Juan José Mariño, responsable da Escola de Acordeóns de Campelo. Ademais, o domingo 15 de agosto, á mesma hora e no mesmo lugar, haberá unha actuación a cargo do compositor de Combarro Miguel Martínez. 

Descubre o teu interior comezou o pasado mes de xullo e se prolongará ata finais de agosto, tal e como lembra a concelleira de Cultura.