A Biblioteca de Caldas volve ao xardín cun variado programa de actividades

Umia
24 de xuño 2021

Terán lugar do 29 de xuño ao 2 de xullo con funcións de maxia, monicreques e narración oral. As prazas son limitadas polo que é preciso anotarse con antelación na Biblioteca ou no 986 53 06 04

Espectáculo de animación no Xardín Botánico de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

Tras a boa acollida da iniciativa no verán pasado a Biblioteca Pública Municipal P. Martínez Ferro de Caldas de Reis traslada novamente ao Xardín Botánico as actividades culturais e de animación á lectura destinadas ao público infantil. 

Terán lugar do 29 de xuño ao 2 de xullo con propostas para distintos grupos de idade incluíndo unha para os pequerrechos entre 1 e 4 anos.

As prazas son limitadas e precísase inscrición previa, que xa se está aberta na propia Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 986 53 06 04 entre as 9 e as 14 horas.

Como explicou a concelleira de Cultura, María López, o Concello elixiu o Xardín Botánico, lugar emblemático da vila conectado ao centro bibliotecario, "como espazo diferente, agradable e apropiado para a organización baixo todas as medidas de seguridade fronte á covid-19 das actividades infantís lúdico-culturais que nesta ocasión se centrarán na música , a maxia e os monicreques".

O martes 29 ás 12.00 horas, dirixido a maiores de 3 anos terá lugar a función "Sabela e o paxaro máxico" a cargo de Tarabelos. 

Ao día seguinte (mércores 30) á mesma hora, Polo Correo do Vento embarcará aos cativos maiores de 5 anos nun "Periplo Atlántico".

O xoves día 1 a mediodía chega "Contos para caghar patatillas" da man de Brais das Hortas. Trátase dunha serie de historias cheas de música, humor, efectos especiais e participación do público que inclúen a construción de instrumentos, o baile e moito máis.

A Biblioteca no Xardín péchase o venres, día 2, cunha actividade de Charo Pita dirixida a nenos de entre 1 e 4 anos que tamén terá lugar ás 12.00 horas. 

A concelleira de Cultura, María López, salientou que se trata "dunha programación moi atractiva coa que retomamos con moita forza as actividades infantís e de animación á lectura na Biblioteca".