O músico camerunés Richard Bona será o primeiro en subir ao escenario da Praza da Ferrería dentro da programación de concertos do Festival Internacional de Jazz e Blues que se está a desenvolver ao longo desta penúltima semana de xullo.
Bona é baixista e multiinstrumentista, ademais de compositor, cantante, produtor, enxeñeiro de son e unha figura do jazz contemporáneo. Este músico é capaz de conservar as súas raíces musicais e combinalas con outros ritmos como o latin jazz, o tango, o pop africano ou o cabaré parisiense. Ten colaborado con músicos como Bobby McFerrin.
A partir das 22.30 horas, o artista africano subirá á Praza da Ferrería nun novo concerto gratuíto desta edición do Festival que está a contar con numerosa presenza de público.
MARCOS PIN FACTOR E-RESET
A big band de Marcos Pin Factor L-Reset puido comprobar a calor dos afeccionados ao jazz en Pontevedra durante o concerto celebrado na noite deste martes 22 na Praza do Teucro. Os dez músicos desta banda galega presentaron os temas do seu disco 'Barbanza'.