A carballeira de Famelga en Cerdedo-Cotobade acollerá o pleno extraordinario da Real Academia Galega o 17 de maio

Cerdedo Cotobade
09 de maio 2019

Será ao pé da escola onde estudou Antonio Fraguas, o intelectual ao que se dedica este ano o Día das Letras Galegas. Os membros da RAG Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira ofrecerán tres alocucións sobre distintos aspectos da vida e da obra do homenaxeado

Plenario da RAG en Pontevedra no Día das Letras Galegas de María Victoria Moreno
Plenario da RAG en Pontevedra no Día das Letras Galegas de María Victoria Moreno / Diego Torrado

O pleno extraordinario da Real Academia Galega que se vai celebrar o 17 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas terá lugar na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas do Concello de Cerdedo-Cotobade. Desta forma, este acto realizarase ao pé da escola, un espazo fundamental na traxectoria de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada este ano.

Naquela escola descubriron o potencial daquel alumno que quería ser etnógrafo e alí foi profesor para moitas xeracións de escolares. No acto, que comezará ás 11.30 horas, intervirán os académicos Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.

Fraguas naceu en Cotobade en 1905 e comezou a ir á escola pública na súa parroquia de Loureiro pero a finais de 1918 iniciou os estudos na escola de Famelga cun mestre co que compartía nome, Antonio. Este profesor foi quen impulsou que chegara a cursar unha carreira.

Cos anos, Antonio Fraguas converteuse en membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, ademais de ser etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego. Foi unha figura comprometida coa lingua e a cultura galega, que cursou estudos de bacharelato en Pontevedra con Castelao e Antón Losada Diéguez como profesores.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora