O pleno extraordinario da Real Academia Galega que se vai celebrar o 17 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas terá lugar na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas do Concello de Cerdedo-Cotobade. Desta forma, este acto realizarase ao pé da escola, un espazo fundamental na traxectoria de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada este ano.
Naquela escola descubriron o potencial daquel alumno que quería ser etnógrafo e alí foi profesor para moitas xeracións de escolares. No acto, que comezará ás 11.30 horas, intervirán os académicos Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
Fraguas naceu en Cotobade en 1905 e comezou a ir á escola pública na súa parroquia de Loureiro pero a finais de 1918 iniciou os estudos na escola de Famelga cun mestre co que compartía nome, Antonio. Este profesor foi quen impulsou que chegara a cursar unha carreira.
Cos anos, Antonio Fraguas converteuse en membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, ademais de ser etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego. Foi unha figura comprometida coa lingua e a cultura galega, que cursou estudos de bacharelato en Pontevedra con Castelao e Antón Losada Diéguez como profesores.