A Casa Museo de Colón acolle un obradoiro infantil sobre navegación

Poio
08 de setembro 2022

Esta actividade gratuíta conta con prazas limitadas e terá lugar o sábado 17 de setembro, a partir das 12.30 horas, nas dependencias situadas en Portosanto

Última sesión de Leucoíña na Casa Museo de Colón
Última sesión de Leucoíña na Casa Museo de Colón

A Casa Museo de Colón continúa ofrecendo actividades para promocionar e dar visibilidade á teoría da orixe galega de Cristóbal Colón.

Logo dos obradoiros celebrados durante o pasado mes de agosto, o vindeiro sábado 17 de setembro terá lugar unha nova cita, dirixida a rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. Trátase dun taller sobre navegación, a través da cal os inscritos terán ocasión de coñecer as características dos tipos de embarcacións que se utilizaban na época na que tivo lugar o descubrimento de América.

Ademais, tamén se afondará, dunha forma lúdica e amena, na teoría do Colón Galego. A actividade rematará cunha sesión de pintura. O Concello de Poio informa de que as prazas son limitadas e a inscrición gratuíta. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo chamando ao 986833204 (extensión 2) ou enviando un correo electrónico á dirección [email protected].

Por outra banda, a semana pasada remataron as visitas teatralizadas que levou a cabo Leoucoíña Pasea tanto nas dependencias de Portosanto como no Bosque de Colón, na parroquia de San Xoán. En total, anotáronse nestas cinco citas, que tiveron lugar en xullo, agosto e setembro, un total de 75 persoas de diferentes idades, cubríndose, deste xeito, todas as prazas ofertadas. 

Este tipo de iniciativas fináncianse a través do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Marítimo Europeo e da Pesca.