A Casa Museo de Colón, eixo principal do roteiro literario no que participou o escritor Rodrigo Costoya Santos

Poio
31 de xaneiro 2022

A cita tivo lugar o pasado sábado e contou con máis de 70 asistentes, entre os que figuraban integrantes da Asociación Galicia Histórica

A Casa Museo de Colón, eixo principal do roteiro literario no que participou o escritor Rodrigo Costoya Santos
A Casa Museo de Colón, eixo principal do roteiro literario no que participou o escritor Rodrigo Costoya Santos / Concello de Poio

A Casa Museo de Colón converteuse nunha das protagonistas do Roteiro Literario que se celebrou o pasado sábado, 29 de xaneiro, e que contou coa participación do escritor Rodrigo Costoya, autor do libro ‘Portosanto: el enigma de Colón’. 

Unhas 70 persoas tomaron parte desta iniciativa, que partiu, precisamente, das instalacións situadas na parroquia de San Salvador e que levou as persoas inscritas a coñecer tamén outras zonas vencelladas á figura de Cristóbal Colón, como Pontevedra, Soutomaior ou Baiona, onde rematou a visita. Cómpre lembrar que esta cita forma parte do ciclo de roteiros literarios que están organizados pola Xunta de Galicia.

Neste caso, un dos grandes obxectivos era poñer en valor e visibilizar a teoría do Colón galego, que é, precisamente, un dos grandes reclamos da Casa Museo de Portosanto. 

Alí, divididos en diferentes grupos para garantir o cumprimento de aforo e das medidas que marcan as autoridades sanitarias, os participantes tiveron ocasión de coñecer as dependencias e consultar a ampla documentación e material que defende a teoría da orixe do descubridor do continente americano, entre cuxos principais defensores se atopa, precisamente, Costoya Santos.

Neste roteiro tamén tomaron parte integrantes e responsables da Asociación Galicia Histórica, que amosaron a súa satisfacción pola resposta da iniciativa. Asemade, o colectivo tamén agradece a participación no roteiro do escritor Ángel Carracelas.