"Nova etapa" para a Casa Museo de Colón que activa un plan de dinamización

Poio
19 de xuño 2022

O Concello de Poio está decidido a marcar un "punto de inflexión" na promoción da Casa Museo de Colón. Así o asegura a edil de Turismo, Silvia Diaz, que avanza que nas próximas semanas comezarán a impulsarse as iniciativas incluídas no seu plan de dinamización

Reunión para coordinar o novo plan da Casa Museo de Colón
Reunión para coordinar o novo plan da Casa Museo de Colón / Concello de Poio

O Concello de Poio está decidido a marcar un "punto de inflexión" na promoción da Casa Museo de Colón. Así o asegura a edil de Turismo, Silvia Diaz, que avanza que nas próximas semanas comezarán a impulsarse as iniciativas incluídas no seu plan de dinamización.

Con él, a Casa Museo de Colón pretende abrir unha "nova etapa" para dar pulo ás emblemáticas instalacións situadas no lugar de Portosanto.

Díaz mantivo unha reunión de traballo con responsables da firma Tempos Arqueólogos, que será a encargada de desenvolver as iniciativas que se inclúen no plan, e con Pedro Martín, presidente da Asociación Galicia Histórica, para analizar a súa posta en marcha.

Ao longo dos vindeiros meses estas dependencias acollerán actividades pensadas para diferentes públicos, ao tempo que se segue a traballar na posta en valor da cultura mariñeira e marítimo pesqueira do territorio.

"Aspiramos a que este centro se consolide como un referente na interpretación e xestión do patrimonio galego", recalca Silvia Díaz. 

O plan inclúe unha serie de actuacións e premisas que se aplicarán para aumentar o número de visitas e de actividades a desenvolver na Casa Museo, inaugurada no ano 2010, e que ten como obxectivo divulgar a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón.

A Casa Museo de Colón quere agora "chegar a un público moito máis heteroxéneo", segundo a responsable municipal de Turismo, reforzando as visitas de colectivos escolares, turistas, persoas da terceira idade ou afeccionados e especialistas interesados na figura de Cristóbal Colón

Crearanse bases de datos de centros educativos infantís, universidades, oficinas de turismo da bisbarra ou de aloxamentos turísticos, entre outros, para o reparto de folletos e o envío de información sobre a Casa Museo e os seus horarios, para fomentar estas excursións.

Con respecto ás actividades a desenvolver, o plan de dinamización inclúe unha relación de obradoiros para grupos de entre 5 e 30 persoas e que varían na súa temática e duración en función da idade dos participantes.

Así, para o alumnado de Educación Infantil e Primaria se propoñen talleres de fomento da creatividade, a través dos cales poderán coñecer a grandes artistas da Idade Media. Tamén se incluirán ciclos sobre arqueoloxía, obradoiros musicais e de cerámica, moitos dos cales se ofrecerán tanto a un público infantil como adulto.

Ademais, apostarase por fomentar outro tipo de citas como as presentacións de libros, a realización de cursos vencellados ao patrimonio ou a organización de charlas e xornadas divulgativas.

Por outra banda, ao longo do verán desenvolveranse visitas teatralizadas tanto na Casa Museo de Colón como no Bosque de Secuoias, a cargo de Leucoíña Pasea. Trátase dunha iniciativa pensada para persoas maiores de 6 anos e que contarán con 15 prazas por sesión.

As inscricións poderán facerse enviando un correo electrónico a [email protected].

As dúas primeiras citas serán o 20 e 21 de xullo, ás 21.30 horas, no Bosque de Secuoias, que tamén acollerán unha nova sesión o 1 de setembro, ás 19.00 horas. Previamente, do 18 ao 20 de agosto esta actividade terá lugar nas dependencias do museo (11.30 horas).