O Concello de Poio informa da apertura do prazo de inscrición para as prazas que se poñen a disposición da cidadanía para participar nos obradoiros da Casa Museo Cristóbal Colón. Trátase dunha actividade gratuíta, cunha duración aproximada de 60 minutos. Os obradoiros serán realizados os días 25 (ás 12.30 horas) e o venres 26 (ás 16.30 horas).
Cada xornada terá un total de 8-10 prazas, as inscricións poden realizarse enviando un correo electrónico a [email protected], indicando o nome e apelidos, a data seleccionada, a idade das persoas interesadas e un teléfono de contacto.
Tamén se pode contactar mediante este medio para obter máis información ou chamando ao 986833204 (marcando 2). A actividade está pensada para familias e cativos dunha idade comprendida entre os 6 e os 10 anos.
Os obradoiros, realizados no seo da Casa Museo, forman parte das actividades impulsadas desde as áreas de Turismo e Pesca e Marisqueo para dinamizar e dar a coñecer as instalacións do museo, o espazo natural, e a teoría da orixe galega de Colón. Realizaranse diversos obradoiros que versarán sobre historia e cultura.
Esta actividade finánciase a través do GALP Ría de Pontevedra, a Consellería do Mar e o Fondo Marítimo Europeo e da Pesca.