Dous paseos polo Bosque de Colón abren as visitas teatralizadas en Poio

Poio
22 de xullo 2022

As dúas sesións iniciais da programación tiveron lugar no Bosque de Colón, que está xestionado pola comunidade de montes de San Xoán e que conta con preto de 500 exemplares de secuoias, o que o converte nunha paraxe única en Europa

Visita teatralizada ao Bosque de Colón
Visita teatralizada ao Bosque de Colón / Concello de Poio

Poio vén de estrear o programa de visitas teatralizadas que impulsa para difundir, poñer en valor e dar visibilidade ao Bosque de Colón e á Casa Museo de Portosanto.

As dúas sesións iniciais da programación tiveron lugar no Bosque de Colón, que está xestionado pola comunidade de montes de San Xoán e que conta con preto de 500 exemplares de secuoias, o que o converte nunha paraxe única en Europa.

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, salientou a gran acollida destas sesións e o interese dun espazo natural de gran atractivo.

Nestas citas, de 90 minutos de duración, as persoas participantes tiveron ocasión de coñecer as orixes do Bosque de Colón. A plantación das secuoias realizouse en outubro de 1992, dentro dos actos de conmemoración dos 500 anos da chegada ao continente americano.

Ademais, o equipo de Leucoíña Pasea desvelou diferentes curiosidades desta especie, así como os seus beneficios desde o punto de vista medioambiental.

Como non podía ser doutro xeito, a figura de Cristóbal Colón foi tamén protagonista, a través dunha narración dramatizada sobre a súa chegada a América en 1492. Tamén tivo lugar un xogo de pistas no que tomaron parte as persoas inscritas.

As visitas teatralizadas volverán en agosto, os días 18, 19 e 20, e terán lugar na Casa Museo de Portosanto, ás 11.30 horas. Este ciclo de visitas pecharase o 1 de setembro, ás 19.00 horas, cunha última convocatoria no bosque.

Estas visitas guiadas están pensadas para persoas maiores de seis anos e son totalmente gratuítas, se ben requiren de anotación previa no correo [email protected].

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora