A chuvia tamén goza da espectacularidade dos traxes tradicionais de Sete Espadelas

Pontevedra
02 de outubro 2021

A asociación Sete Espadelas desenvolveu esta segunda edición da súa pasarela amosando cincuenta traxes de alto valor na noite deste venres na Praza de España. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, participou neste desfile coa súa filla Carmen

Segunda edición da Pasarela 'Co Pano de Namorar na Faldriqueira'
Segunda edición da Pasarela 'Co Pano de Namorar na Faldriqueira' / Concello de Pontevedra

O público viuse obrigado a abrir os seus paraugas durante a noite deste venres 1 de outubro para seguir a espectacular pasarela de traxe tradicional de Pontevedra 'Co Pano de Namorar na Faldriqueira',  unha proposta da asociación etnográfica  Sete  Espadelas que conta coa colaboración da concellería de Promoción Económica.

A pesar de que a noite estivo marcada pola choiva, numeroso público achegouse pola Praza de España para ver os cincuenta traxes tradicionais que forman parte da colección da asociación pontevedresa.

Entre as persoas que participaron neste orixinal pase de modelos atopábase a concelleira socialista Yoya Blanco e tamén a súa filla Carmen. A responsable política vestiu un traxe de Melide "de domingar", unha peza de mediados do século  XIX. Durante esta exhibición, o público puido comprobar a  viveza e a seda dos panos de Manila.

O inicio do acto contou coa actuación da agrupación folclórica Os de Algures, que este domingo celebran o seu décimo aniversario cun concerto no Teatro Principal a partir das 20.30 horas.