O vindeiro sábado 11 de febreiro comezarán no Pazo da Cultura as visitas guiadas ao público que queira asistir á exposiciónA cidade é a pegada. Case dous meses despois de que se abriran as portas da exposición, a concelleira de Cultura Carme Fouces anunciaba esta luns que se abre o prazo para participar nas visitas guiadas.
Estas correrán a cargo da subcomisaria da mostra Milagros Bará. Xunto a ela estará Vacío Cero, colectivo formado por Basilia Fiestras, Alexandra Rodríguez e María Gar, que completarán as visitas á exposición. O prazo de inscrición para o público xeral comezará este martes 7 de febreiro a través da web apuntate.pontevedra.gal.
Segundo datos ofrecidos polo Concello de Pontevedra, ao redor de 2.500 persoas visitaron a exposición desde a súa inauguración o 15 de decembro. En relación a iso, Carme Fouces aseguraba que A cidade é a pegada ten pouca marxe de mellora, sendo a exposición máis visitada na historia do Pazo da Cultura.
Ademais, Fouces mostrábase satisfeita co resultado final da exposición, polo que ve nestas visitas guiadas unha oportunidade para completar o éxito cultivado ata o momento.
Tal e como afirmaba a concelleira, a intención deste programa é chegar a moitos sectores da poboación. Para iso, as visitas dividíronse entre público xeral, escolares, e asociacións e entidades sociais. En primeiro lugar están as visitas para o público, que comezarán este sábado ás 18.30 horas e manterán ese horario os sábados 4 e 8 de marzo, tendo a Vacío Cero guiando a exposición.
Por outra banda, tamén se poderá visitar os domingos 26 de febreiro e 12 de marzo, sendo esta vez en horario matinal dando comezo ás 12 horas. As asociacións e entidades sociais que queiran gozar das visitas guiadas terán que facelo os xoves 9, 16 e 23 de febreiro, e os días 9 e 16 de marzo, todos eles a partir das 18:30 horas. Os escolares terán este mesmo horario e as visitas estarán guiadas por Milagros Bará, cun máximo de 50 persoas por grupo.
Unha das responsables de Vacío Cero, Alexandra Ridríguez, ve conveniente a realización destas visitas guiadas, xa que é unha forma dinámica e eficaz de chegar ao público pontevedrés e facerlle partícipe e coñecedor da historia da cidade.
A concelleira anunciaba tamén a posibilidade de gozar duns talleres dirixidos ao público infantil. Estes talleres seguen catro liñas temáticas centradas na cidade do Lérez, que son a arquitectura, os personaxes, a infancia e o río. O horario para estes talleres será ás 18 horas os días 24 de febreiro, 3, 10 e 17 de marzo, cunha duración estimada de tres horas.