A Deputación acollerá o primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais

Pontevedra
09 de xuño 2022

Trátase dunha iniciativa impulsada por "Proxecta", a coordinadora galega de festivais de cinema, unha asociación sen ánimo de lucro que defende e pon en valor as mostras de cinema e audiovisual de Galicia, así como a promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan

Presentación do primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais
Presentación do primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais / Deputación de Pontevedra

O Pazo Provincial, sede principal da Deputación de Pontevedra, acollerá os próximos días 17 e 18 de xuño o primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais.

Trátase dunha iniciativa impulsada por "Proxecta", a coordinadora galega de festivais de cinema, unha asociación sen ánimo de lucro que defende e pon en valor as mostras de cinema e audiovisual de Galicia, así como a promoción dos contidos e valores artísticos e culturais que estes impulsan.

No acto de presentación deste Encontro, que tivo lugar este xoves, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva destacou a aposta do Goberno provincial polo sector audiovisual "no que somos unha potencia".

Suso Novás, director de Novos Cinemas e promotor deste evento incidiu en que "esta provincia debe ser un núcleo de unión con proxectos culturais que se desenvolven en Portugal" e por iso "queriamos propoñer un encontro para intercambiar opinións, experiencias e, sobre todo, aunar e xuntar xente".

Para este primeiro Encontro Luso-Galaico organizáronse cinco mesas. A primeira vai profundar sobre as relacións entre as administracións e os festivais, como o seu concurso é necesario para implementar os proxectos "xa non só a nivel orzamentario senón tamén asesoramento, ideas ou posibilidades de establecer futuras sinerxias", explicou Suso Novás.

A segunda mesa ten como obxectivo analizar a importancia de márcaa 'Rías Baixas Film Fest' sendo capaz de "xerar contextos que son, posiblemente, os mellores de Galicia". A terceira, ten como función falar deses axentes que afán a estan ocultos nun festival como son os distribuidores e a formación. A cuarta mesa, tratará de explicar que supón a diversidade editorial de cada festival, "debido a que ter temáticas diferentes en cada festival fai crecer ao territorio", apuntou Novás. Por iso estudarán cales son as súas achegas desde o punto de vista sociocultural, económico e mesmo "como viabilizan futuras sinerxias e relacións interinstitucionais". 

A última mesa é unha especie de "masterclass" a cargo de Ángel Sala, escritor, guionista e crítico de cinema español, especialmente coñecido por ser desde 2001 o director do Festival Internacional de Cinema de Sitges. Na súa intervención explicará como este pequeno municipio catalán é capaz de articular un proxecto cultural que ten unha enorme repercusión ata chegar a ser considerado como o mellor festival de cinema fantástico e de terror de todo o mundo.