A Deputación ofrécelle aos concellos participar no seu posto no Culturgal

Pontevedra
15 de setembro 2015

Na presente edición, a Deputación de Pontevedra contará cun posto institucional que quere poñer a disposición de todas as entidades locais, para brindarlles a oportunidade de que difundan a súa oferta cultural no marco deste evento

Actividades en Culturgal 2014
Actividades en Culturgal 2014 / Diego Torrado

O deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, vén de remitir aos concellos da provincia de Pontevedra unha proposta convidándoos a participar e ter presenza activa na Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2015. Na presente edición, a Deputación de Pontevedra contará cun posto institucional que quere poñer a disposición de todas as entidades locais, para brindarlles a oportunidade de que difundan a súa oferta cultural no marco deste evento.   

Xosé Leal cualifica esta iniciativa como "necesaria para dar cabida a todas as propostas culturais posibles e contribuír deste xeito a enriquecer a oferta do certame". Considera, ademais, de vital importancia que os concellos teñan a oportunidade de "estar presentes nun encontro xa consolidado na difusión da cultura e cuxa influenza vai máis aló da provincia de Pontevedra".

O posto da Deputación é un espazo de nove por tres metros, que estará situado no corredor principal da feira e que dará cabida ao material que os concellos desexen difundir, co obxecto de dar a coñecer as súas propostas en calquera dos ámbitos da cultura como poden ser, por exemplo, certames, iniciativas musicais ou de artes escénicas.

Asemade, desde a Deputación tamén se está recabando o interese dos concellos en realizar presentacións de proxectos e actividades no marco da feira. As presentacións, que poden corresponder a iniciativas tanto de ámbito local como comarcal, ofrecen a posibilidade de darlle visibilidade entre os profesionais culturais, programadores, medios de comunicación e público en xeral.  

A Feira das Industrias Culturais celebrarase no Recinto Feiral de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro e na pasada edición, segundo datos da organización, contou cunha asistencia de público de arredor de 15.000 persoas.