A exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre Castelao, propostas da Deputación para Culturgal

Pontevedra
01 de decembro 2015

O deputado do cultura, Xosé Leal, confirmou este martes que 34 concellos da provincia participarán na feira de industrias culturais, que se celebra a próxima fin de semana en Pontevedra, a través do posto da institución provincial

Inauguración do Culturgal 2014
Inauguración do Culturgal 2014 / Mónica Patxot

Un total de 34 concellos da provincia terán presenza en Culturgal a través do posto que alí habilitará a Deputación de Pontevedra.

Así o confirmou o deputado de Cultura, Xosé Leal, a poucos días do comezo da Feira das Industrias Culturais, que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra desde o venres 4 ata o domingo 6 de decembro.

Algúns destes concellos, 12 en concreto, presentarán ademais os seus proxectos dentro da programación do evento.

Pola súa banda, a Deputación presentou tamén as que serán as súas dúas grandes achegas á feira, a exposición 'Somos espazo' e unha unidade didáctica sobre a infancia a través das publicacións de Castelao.

A exposición, que se prepara para Culturgal pero que se manterá aberta ata o día 10 de xaneiro, supón "unha simbiose entre a arte e a arquitectura", explicou Paula Carballeira, comisaria da mesma.

Serán 24 os artistas que expoñerán os seus traballos contemporáneos entre o que se poderá atopar "debuxo, maquetas, esculturas, pinturas e instalacións".

No achegamento á parte artítica da arquitectura terá especial protagonismo o pontevedrés César Portela, segundo sinalaron os comisarios da exposición.

Pola súa banda, a unidade didáctica sobre a nenez na obra de Castelao, que se presentará durante o primeiro día do Culturgal, fará un repaso "sobre a historia da infancia e de Galicia a comezos do século 20" a través dos seus debuxos, nos que os cativos en moitas ocasións son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. Todo, aclarou Diana Vilas, "orientado a niveis de secundaria e bacharelato".