A exposición 'A era das fábulas' segue acumulando espectadores e aspira a converterse na máis visitada de todas as organizadas polo Museo de Pontevedra superando o récord rexistrado no ano 2022 por 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia' que chegou a sumar un total de 14.402 persoas.
As outras exposicións con máis visitas foron: 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' (2019-2022), con 13.182 visitantes, 'Leopoldo Nóvoa 1919-2019' (2020) con 12.117 visitantes e 'Origami, de papel a obra de arte' (2021-2022) con 12.214 visitantes.
Ao finalizar o pasado mes de agosto a Deputación de Pontevedra confirmaba que 'A era dás fábulas', desde a súa inauguración o 10 de xullo, foi xa visitada por un total de 10.622 persoas.
"'A era das fábulas' é a exposición máis ambiciosa organizada polo Museo de Pontevedra, un paso máis para avanzar no impulso de Pontevedra como epicentro cultural internacional", destacou o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.
A exposición, que permanecerá aberta no Edificio Castelao ata o 29 de setembro, establece unha conversación entre as coleccións do Museo de Pontevedra, a Fundación María José Jove e TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary.
De vincular as obras de arte destas dúas fundacións da Coruña e Madrid cos fondos artísticos, arqueolóxicos e etnográficos do Museo de Pontevedra dándolle contexto e coherencia á mostra encargáronse as comisarias: Susana González (Fundación María José Jove), Chus Martínez (TBA21 Thyssen-Bornemisza) e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve.
Segundo resumiron, "a exposición xira ao redor das narrativas ficcionadas, esenciais para comprender a realidade".
Chus Martínez explica que "o titulo 'A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía' fai referencia á inmensa forza que a transmisión oral ten na nosa cultura. Escoitar e modificar as historias herdadas é parte esencial da nosa forma de querenza. Contar unha historia esixe respecto e á vez invención. Mentres que o termo anglosaxón fake news -noticias falsas- refire á proliferación de bulos froito da mala fe e intencións, as fábulas e historias herdadas e creadas no noso presente refiren á necesidade de crear un espazo de intercambio colectivo no que a ficción nos axuda a dirixir e interpretar problemas morais e cuestións urxentes do noso presente".
'A era das fábulas' ocupa as tres salas de exposicións temporais e outros espazos anexos e está estruturada en tres actos.
Así, baixo os epígrafes Acto I. Imaxinación-mar, Acto II. Transformación-terra e Acto III. Renacemento-aire, móstranse obras de Maruja Mallo, Vasili Kandinski, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Noa e Lara Castro ou Teresa Solar, entre outros artistas.
"É unha mestura de tres colecciones que se as mirades cartesianamente teñen pouco que ver entre elas pero que se se miran desde o punto de vista da intelixencia contemporánea provocan ideas novas a través deses diálogos", subliñou Martínez.
Para coñecer a exposición 'A era das fábulas' o Museo de Pontevedra ofrece cada xoves visitas guiadas ás 18.00 horas ata o 26 de setembro.
Estas visitas comentadas corren a cargo do equipo de Educación do Museo, son gratuítas e non requiren de inscrición previa; unicamente en caso de visitas para grupos en horario diferente ao fixado hai que remitirse á dirección de correo electrónico [email protected].
Durante o tempo de apertura da mostra, o Museo organizou actividades paralelas vinculadas á mesma, como son talleres para público familiar e saídas á rúa nas que se convidou á cidadanía para crear as súas versións de artistas como Kandinsky, Manolo Moldes ou Inês Zenha.
Ademais, para o vindeiro mércores 25 de setembro está previsto un seminario con conferencias e mesas redondas sobre relixiosidade popular, exvotos e outras ofrendas.
