A ESAD volve celebrar a Noite dos Museos cun espectáculo ad hoc para o Museo de Pontevedra

Pontevedra
14 de maio 2018

Pontevedra sumarase un ano máis á conmemoración do Día Internacional dos Museos cunha programación especial entre este xoves 17 e o sábado 19 de maio, Noite dos Museos. A programación estará centrada en dous focos de atención: a prehistoria e Alejandro de la Sota, figura homenaxeada no Día das Artes Galegas 

Representación teatral da ESAD no Sexto Edificio do Museo con motivo da Noite dos Museos Diego Torrado

Pontevedra sumarase un ano máis á conmemoración do Día Internacional dos Museos cunha programación especial entre este xoves 17 e o sábado 19 de maio, Noite dos Museos, na que, por terceiro ano consecutivo, o alumnado das tres especialidades da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) preparou un espectáculo ad hoc para o Museo de Pontevedra.

A programación dos tres días estará centrada en dous focos de atención: a prehistoria e Alejandro de la Sota, figura homenaxeada no Día das Artes Galegas 2018. 

A prehistoria centrará unha serie de visitas guiadas especiais. A primeira delas está programada para o xoves 17 ás 11.30 horas, e as dúas seguintes para o venres 18 ás 17.30 horas e ás 19:30 horas. Non é preciso realizar inscrición previa e o punto de encontro é a recepción do Sexto Edificio.

As visitas achegaranse á prehistoria a través do fondo permanente do Edificio Sarmiento e tamén do diorama con Clicks que permanece no Sexto Edificio desde o pasado mes de febreiro. O obxectivo é amosar parte da colección do Museo de xeito diferente, a través dun tema universal e accesible como é a Prehistoria, e tratando de chegar a un público o máis variado e amplo posible, facendo especial incidencia no público familiar.

O sábado 19, con motivo da Noite dos Museos, a ESAD centrarase en Alejandro de la Sota. O espectáculo pretende escenificar o mundo elegante, divertido e natural que caracteriza á obra do artista, e co que percorrerán diferentes espazos do Museo.

A proposta, que leva por título 'Corpo, trazo da arquitectura natural', reúne a un total de 60 persoas e axuda a divulgar a arte galega fóra do seu marco habitual. A intervención incluirá imaxes poéticas que irán acompañadas dun espazo sonoro para permitirlle ao público relacionar a imaxe coa idea que se quere comunicar.

Haberá dúas representacións cunha duración aproximada dunha hora, ás 19.00 e ás 21.30 horas.