A Gala da Memoria homenaxeará a través da música ás persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo

Pontevedra
15 de outubro 2021

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e a artista Uxía Senlle presentaron a Gala da Memoria que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo día 5 de novembro en homenaxe a través da música "ás persoas asasinadas e represaliadas durante a ditadura e a represión franquista"

Uxía Senlle e María Ortega
Uxía Senlle e María Ortega / PontevedraViva

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, e a artista Uxía Senlle presentaron a Gala da Memoria que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo día 5 de novembro en homenaxe a través da música "ás persoas asasinadas e represaliadas durante a ditadura e a represión franquista".

María Ortega destacou que esta Gala da Memoria terá lugar "nun mes de gran simboloxía aquí en Pontevedra" xusto unha semana antes da conmemoración do 85 aniversario do 12 de novembro de 1936 "data na que foron asasinadas na Caeira mártires defensores da República e da liberdade". Entre elas, dúas persoas que presidiron a Deputación de Pontevedra, Amancio Caamaño Cimadevila e José Adrio Barreiro.

"Esta gala pretende ser, non só unha mirada ao pasado, senón unha chamada para rememorar aquilo que fomos e que podiamos ser de terse desenvolvida toda a potencialidade que se frustrou naquel tempo", dixo a deputada nacionalista.

Uxía Senlle apuntou que neste espectáculo musical "pretendemos que sexa unha Gala que teña humor, rebeldía, irreverencia e compromiso".

Será conducida polas poetas María Lado e Lucía Aldao. Participarán Eladio Santos, Sheila Patricia, Lois Pérez, Su Garrido Pombo, Pedro Pastor, Woyza e García MC, ademais da propia Uxía Senlle. "Haberá interaccións entre os artistas e faremos un tema conxunto", avanzou.

Para poder asistir á Gala da Memoria será necesario inscribirse enviando un correo electrónico á Deputación de Pontevedra.