A mellor cifra anual de visitantes ao Museo de Pontevedra da última década

Pontevedra
04 de xaneiro 2023

O Museo de Pontevedra pechou o ano 2022 contabilizando un total de 173.868 visitantes, o que supón 47.000 persoas máis que o ano anterior

Exposición da Bienal Internacional de Arte de Cerveira no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra
Exposición da Bienal Internacional de Arte de Cerveira no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra pechou o ano 2022 satisfeito coas súas cifras, ao superar as estatísticas da última década en relación ao número anual de visitantes.

Segundo o balance da institución museística, o ano pechouse con 173.868 visitantes, alcanzando a cuarta posición na evolución desde 2005 e quedando ás portas do 2009, cando se chegou a 175.823  visitas.

O incremento en relación co ano anterior, 2021, foi de 47.000 visitas en gran medida pola recuperación tras a pandemia das visitas de grupos organizados, tanto escolares como doutra índole.

Os mellores meses foron outra vez agosto, no que se rexistrou o récord absoluto da década chegando ás 43.755 entradas, e tamén setembro (26.213), xullo (22.299) e outubro (19.149). 

Por orixe, o número de visitantes totais dos edificios Castelao e Sarmiento foi de 51.560 persoas, tendo a súa orixe en Galicia 34.721, no resto do estado 12.438 e no estranxeiro 4.401, sendo as máis numerosas as visitas chegadas de Portugal, Francia, Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña.

No que respecta ás Ruínas de San Domingos alcanzáronse 111.662 visitas, sendo o segundo ano máis numeroso desde 2004.

A nivel de contido a exposición de maior éxito foi a de 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', aberta entre o 4 de agosto e o 23 de outubro, con 14.402 visitas, seguida de 'Arte prehistórica. Da rocha ao Museo', con 10.053 persoas; 'A presenza invisible. Perfumes, Art Nouveau & Art Decó', con 4.150 e 'De Babiano Méndez Núñez a Mendoza Babiano', con 4.096 visitas.