Con motivo do confinamento incluído nas medidas do decreto de estado de alarma, a Secretaría Xeral de Igualdade aproveitou a suspensión das clases presenciais para lanzar unha serie educativa que ten como obxectivo, ademais de reforzar os coñecementos dos escolares galegos, dar a conocer a figura de mulleres galegas como Maruja Mallo, María Vitoria Moreno ou Ángela Ruiz, protagonistas dos tres primeiros números desta serie que continuará con Concepción Arenal.
Deseñada polos pontevedreses de Polo Correo do Vento, esta terceira unidade didáctica do programa céntrase no papel desta profesora e inventora afincada en Ferrol. Ademais de ensinar a ler e a escribir ás familias con menos recursos, Ángela Ruiz deseñou un prototipo de libro electrónico.
Entre outras cuestións, esta unidade didáctica convida os escolares a reflexionar sobre cuestións como o feito de que a sociedade da primeira metade do século XX sorprendíase de que esta ferrolá de adopción conducise un vehículo.
Ademais, o programa alterna pasatempos como a procura de diferenzas en ilustracións ou sopas de letras, con traballos de investigación como a procura por Internet de mulleres que contribuísen a cambiar o mundo.
As ilustracións desta unidade didáctica que pode descargarse nesta ligazón están realizadas por Tania Solla.