A nova identidade corporativa do Museo está nas mans de catro candidaturas galegas

Pontevedra
14 de marzo 2020

O Consello Asesor escolleu este venres os que considerou os catro mellores portfolios das 37 opcións presentadas

Consello Asesor do Museo de Pontevedra
Consello Asesor do Museo de Pontevedra

Uqui Permui, Tamara Baz, Costa Comunicación Visual SL e Cenlitrosmetrocadrado Cooperativa Galega foron as candidaturas seleccionadas este venres polo Consello Asesor do Museo de Pontevedra para desenvolver cadansúa proposta para a nova identidade visual da entidade museística. Estas persoas físicas e xurídicas, todas galegas, foron elixidas entre as 37 que presentaron portfolios para o proceso selectivo e foron validadas.

A reunión do Consello Asesor foi relativamente breve pola importante sintonía nas valoracións.

As candidaturas seleccionadas supoñen un grupo moi heteroxéneo que poderá aportar diferentes visións para a imaxe do Museo, xa que hai unha grande solvencia en todas elas, pero estilos diferentes, dende máis clásicos a máis frescos e arriscados.

Unha vez o Consello Asesor xa ten elixidas as catro mellores candidaturas en base aos traballos realizados anteriormente, a vindeira semana serán convidadas de maneira oficial a participar na seguinte fase: a elaboración dunha proposta concreta para a imaxe corporativa do Museo coa presentación dalgunha aplicación práctica. Segundo explicou o director Xosé Manuel Rey, a intención é que o prazo para a presentación das propostas sexa breve, co fin de que o proceso avance, pero sempre con garantías de dar unha marxe de tempo suficiente para a creatividade.

As propostas achegadas serán novamente sometidas a consideración do Consello Asesor, quen seleccionará a empresa ou persoa adxudicataria do contrato final, encargada de presentar o manual de identidade corporativa de maneira desenvolvida.

O importe do contrato de deseño final ascenderá a 12.000 euros (sen IVE) e, en concepto de compensación polos gastos, o resto de propostas invitadas que non resulten adxudicatarias recibirán 1.000 euros.

A intención ao abrir un proceso de selección para escoller a nova identidade visual é que o Museo dispoña dunha "imaxe actual, de futuro, fresca e que responda á súa traxectoria e contidos".