Continúa o Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) durante este domingo coa estrea dunha sección que achegará ao público o traballo de cineastas que desenvolven curtametraxes dirixidas ou producidas en Galicia.
A sección denominada 'GZ_00' ofrecerá no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu seis películas que ofrecerán o mellor do talento emerxente, coa presenza de tres directoras e tres directores. O pase realizarase a partir das 19.30 horas.
Ademais, nesta xornada tamén se poderán ver obras de vangarda en "Descubertas", a partir das 21.30 horas, cunha selección de traballos que proceden de Holanda, Reino Unido, Irán, Finlandia, Hungría e España.
Ás 18.30 horas, o público terá oportunidade de acudir ao pase de catro dos mellores traballos das escolas de cinema do planeta a través da sección: "Escolas Internacionais".