A violinista Ara Malikian, un dos músicos máis recoñecidos de todo o mundo, iniciou unha nova xira que, o vindeiro sábado 19 de febreiro, traerao a Pontevedra. Será cun concerto que se celebrará ás 20:30 horas no auditorio de Afundación.
Nesta nova xira, que foi titulada The Ara Malikian World Tour, o artista de orixe libanesa presentará o seu novo disco, "Arian Chocolat".
Este espectáculo, segundo explica o propio artista, está inspirada nos soños dos nenos que "son os seres máis auténticos que te podes atopar e están cheos dunha verdade insultante, porque son libres e expresivos e todo o que fan está repleto de arte".
Así, a xira "é o resultado de ver crecer ao meu fillo, é o resultado do meu crecemento ao seu lado, é todos eses sons e melodías que tentan darlle forma ao que sentín e inspiroume del e da vida a través del".
"É un encontro co neno que non puiden ser e soñei ser", engade Malikian, que avanza que na xira haberá "dinosauros, luras robóticas, máquinas do tempo, pianos voadores e mimos bilingües", dando forma a un espectáculo fascinante.
As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 52 euros, pódense adquirir a través da plataforma Ataquilla.com.