A obra de Manuel Torres fomenta a capacidade creativa do alumnado do EEI O Grupo

Marín
05 de xuño 2021

O resultado do traballo realizado durante o curso poderá verse no Museo Manuel Torres a partir do martes, día 8 de xuño. Ata esa data as instalacións permanecerán pechadas para desenvolver a montaxe da exposición

Exposicion de EEI O Grupo no Museo Manuel Torres
Exposicion de EEI O Grupo no Museo Manuel Torres

Estudantes do EEI O Grupo, o centro escolar situado na rúa Concepción Arenal, desenvolveron durante os últimos meses do curso un traballo de creación baseado na vida e a obra do pintor Manuel Torres.

A partir do martes 8 de xuño, as obras realizadas polos escolares poderán verse no Museo que leva o nome do artista marinense. Ao longo da mostra obsérvase como os menores exploraron propostas creativas baseándose nos traballos do pintor autodidacta.

Todos os grupos participantes escolleron o debuxo 'Dúas mulleres' para traballar propostas propias. Os de tres anos tamén exploraron os cadros 'Rapaza' e 'Barcos de vela'. Os de catro adaptaron obras como 'Montes de Beariz', 'Praiolos' e 'Bosque'. Pola súa banda, os de escolares de cinco anos reproduciron 'Autorretrato', 'Bodegón I', 'Bodegón II' e a escritura 'Cabeza de neno'.

Utilizando estas bases, os novos pintores realizaron de maneira espontánea unha recreación dos traballos que sorprenderán aos visitantes, segundo explicou a concelleira Itziar Álvarez.

Para a montaxe da exposición, o Museo Manuel Torres permanecerá pechado ata a inauguración o martes 8. A mostra manterase aberta durante quince días.