Un cadro restaurado e un vídeo para celebrar o 120 aniversario de Manuel Torres

Marín
16 de xuño 2021

O Concello de Marín organiza unha programación especial para conmemorar a data de nacemento do pintor máis soado do municipio

Cadro de Manuel Torres restaurado que será exposto no museo marinense
Cadro de Manuel Torres restaurado que será exposto no museo marinense / Concello de Marín

O día 17 de xuño celebrarase o 120 aniversario do nacemento do pintor marinense máis célebre, Manuel Torres, e o museo que leva o seu nome xa prepara algunha sorpresa para poder celebrar ese día.

Unha delas será a exposición do seu último cadro que pasou por un proceso de restauración da man da especialista Eva Fontoira.

O cadro, no que se pode ver un hórreo, estaba sen firmar e sen rematar polo artista e agora, despois de gañar unha nova vida, poderá verse exposto nunha das salas do museo municipal.

Ademais, o Museo acollerá unha proxección durante todo o día dun vídeo documental sobre pintura onde pode verse ao propio Torres falando da súa traxectoria vital e artística.

Poderá verse no horario regular do Museo, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.