O Museo Torres de Marín expón os seus tesouros

Marín
14 de setembro 2021

A galería marinense pon ao dispor dos seus visitantes unha exposición de quince días de duración que ten como obxectivo mostrar as obras doadas por artistas ao longo dos 30 anos de vida do museo

O Museo Torres de Marín inaugura a exposición "Os Fondos do Museo"
O Museo Torres de Marín inaugura a exposición "Os Fondos do Museo" / Concello de Marín

O Museo Manuel Torres de Marín vai expoñer durante os próximos quince días unha selección das obras da súa colección. A concelleira responsable do Museo, Itziar Álvarez, explica que a motivación desta exposición, denominada “Os fondos do Museo”, vén motivada por sacar á luz “todas esas doazóns de obras que fixeron moitos artistas ao longo dos 30 anos de vida do noso museo municipal”.

Na sala 1, exporanse retratos e debuxos de persoas, como Esperón ou Sabela Canitrot, mentres que a sala 2 estará adicada a Marín, pois son moitos os pintores que levaron os seus lenzos recunchos da vila como Gabriel Barros ou Estévez. No corredor, o mar e as esceas mariñas propias dos cadros de Gulías serán as protagonistas. 

Na sala 3 poderá verse unha miscelánea, con distintos estilos como o de Miguel Villanueva. A sala 4 estará adicada a lugares, algúns tan recoñecibles como o Pórtico de la Gloria de Villafinez, recentemente restaurado. E finalmente, na sala 5 poderán verse paisaxes, ese verde tan característico da paisaxe galega de Pedrosa ou Descamps.