A película documental "A poeta analfabeta" chega a Poio e Cambados

Poio
19 de maio 2022

O documental "A poeta analfabeta" retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre, pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero

Película documental "A poeta analfabeta"
Película documental "A poeta analfabeta"

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará os vindeiros días 21, 27 e 28 a súa terceira sesión coa proxección nos concellos de Forcarei, Poio, Redondela, Ponteareas e Cambados do documental "A poeta analfabeta", finalista na candidatura desta categoría nos premios Mestre Mateo. 

O ciclo, que busca dotar aos concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibirá ao longo do ano o resto das películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022, polo que amais de "A poeta analfabeta" tamén se proxectararán nos próximos meses o documental "Welcome to ma maison" así como as longametraxes "Tres", a premiada, e as finalistas "Cuñados", "Jacinto" e "Malencolía".

A proxección do filme "A poeta analfabeta" terá lugar o sábado 21 ás 20 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Poio e o sábado 28 ás 20 horas no Auditorio municipal de Cambados.

O documental "A poeta analfabeta" retrata a unha muller fascinante: Luz Fandiño, poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Aos seus 88 anos é unha das voces vivas da emigración galega, da que volveu pobre, pero cunha fonda consciencia da súa identidade, a súa lingua e o seu xénero. O relato xira en torno ao seu retrato: a súa historia de vida, a súa loita política e a súa obra poética, pero tamén amosa aquilo que Luz xera ao seu redor e que conforma o seu legado o cal a converte nunha icona para moita xente. O filme é unha produción de Cósmica Producións e está dirixida por Sonia Méndez.