A Ponte Caldelas máis literaria proxecta catro presentacións de libros na Alameda

Ponte Caldelas
17 de agosto 2021

A primeira das presentacións terá lugar este martes 17 de agosto, ás 20.30 horas na Alameda de Ponte Caldelas, co libro 'Destempo' da autora viguesa Silvia Bardelás

Silvia Bardelás presentará o seu libro 'Destempo'
Silvia Bardelás presentará o seu libro 'Destempo' / Concello de Ponte Caldelas

A Alameda de Ponte Caldelas acollerá o martes 17 de agosto, ás 20.30 horas, a presentación do libro 'Destempo', de Silvia Bardelás.

A autora, nada en Vigo en 1967, é doutora en Filosofía e Premio Extraordinario pola súa tese Una teoría de la novela. Estudou Creación Literaria na Escuela de Letras. É directora de Publicacións na editorial De Conatus e profesora de Creación Literaria en UNED-Abierta. Dirixe o blog ‘El lector perdido’.

‘Destempo’ é a súa terceira novela, despois dos títulos ‘As Médulas’ (2010), que foi seleccionada en Alemaña para a lista de Spanish Books, e ‘Unha troita de pé’ (2011).

Esta é a primeira das catro presentacións de libros que terán lugar en Ponte Caldelas neste mes de agosto:

  • Martes, 17 de agosto. 20.30 horas. Alameda de Ponte Caldelas. 'Destempo' de Silvia Bardelás.
  • Xoves, 19 de agosto. 20.30 horas. Alameda de Ponte Caldelas. 'Alén' de Pablo Diego Dios
  • Martes, 24 de agosto. 20.30 horas. Alameda de Ponte Caldelas. 'América. Más que un continente' de Álvaro José Amoedo Fernández
  • Xoves, 26 de agosto. 20.30 horas. Alameda de Ponte Caldelas. 'O inverno ausente... nos corazóns galegos de Salvador de Bahía' de Fernando Vilanova.


BAUTIZO CIVIL

Por outra banda, desde o Concello de Ponte Caldelas infórmase de que o alcalde Andrés Díaz oficiou o pasado domingo 15 de agosto o seu segundo 'Acto de Benvida Social’ na Casa Consistorial.

O extraoficialmente coñecido como bautizo civil celebrouse na intimidade familiar e na cerimonia o alcalde repasou todos os dereitos dos nenos e a importancia de educalos con respecto, con valores e con empatía. Patri e Yago, nai e pai do pequeno Mateo, estiveron acompañados dos padriños do cativo e dos familiares máis próximos.

No acto, o alcalde e os proxenitores asinaron os documentos oficiais e Díaz agasallou ao pequeno cun marco de fotos e un diploma.