Na súa última sesión do ano 2020 a cidade de Magdalena aprobou por unanimidade a ordenanza de imposición do nome de Isaac Díaz Pardo a unha rúa desta vila situada na provincia de Buenos Aires.
A proposta foi impulsada pola pontevedresa Loli Beloso que buscaba que esta cidade cabeceira do partido de Magdalena, homenaxease ao que foi fundador e director da fábrica Celtia S.A. – Porcelanas de Magdalena.
Xunto ao intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, Díaz Pardo recoñecerase o labor de dous dos colaboradores máis destacados, quen chegara desde Galicia desde fins dos anos 50 para levar adiante o proxecto industrial e cultural onde tamén naceu o Laboratorio de Formas de Galicia.
Así, a ordenanza co novo cambio no rueiro deste pobo rioplatense tamén agrega o nome de Pasaxe Santos Casada e Manuel López de Ben a un tramo da rúa Brandsen, no Barrio Obreiro de Magdalena, onde eses dous traballadores técnicos migrantes viviron en Arxentina ata o final dos seus días, xa entrado o novo milenio.
Desde o seu peche e posterior demolición da fábrica bonaerense non quedaron rastros tanxibles do paso desta figura artística por Magdalena nin do proxecto Celtia.
O proxecto de nomear unha rúa Isaac Díaz Pardo xurdiu como idea a mediados de 2019, cando a escritora e artista pontevedresa Loli Beloso, amiga persoal de Isaac e da súa esposa Carmen “Mimina” Arias Do Castro, visitou Magdalena e e fixo unha presentación no Centro Cultural Municipal dos seus libros e pezas de xoiería con fragmentos de Porcelanas de Magdalena. Alí o xornalista José Luis Meirás suxeriulle esa posibilidade, que logo foi apoiada tamén desde Galicia por Camilo Díaz Arias Do Castro, fillo do fundador de Celtia.