A quinta Xornada de Onomástica Galega estará dedicada aos nomes comerciais

Pontevedra
14 de xullo 2020

A Real Academia Galega explica que estes nomes comerciais identifican todo tipo de produtos, bares, restaurantes e tendas, e tamén deixan unha importante pegada na paisaxe lingüística, ata o momento pouco estudada entre os especialistas nos nomes propios da Península Ibérica

Participantes na IV Xornada de Onomástica galega
Participantes na IV Xornada de Onomástica galega / RAG

A quinta Xornada de Onomástica Galega, que se celebrará o próximo 7 de novembro no Museo de Pontevedra, analizará os nomes das marcas comerciais, segundo avanzou este martes a súa organizadora, a Real Academia Galega.

O organismo explica que estes nomes comerciais identifican todo tipo de produtos, bares, restaurantes e tendas, e tamén deixan unha importante pegada na paisaxe lingüística, ata o momento pouco estudada entre os especialistas nos nomes propios da Península Ibérica.

De aí que a RAG queira promover a reflexión sobre as tendencias na denominación dos establecementos e dos produtos comerciais e sobre o seu papel na normalización lingüística.

As académicas Ana Boullón e Luz Méndez coordinan un programa que contará con voces da filoloxía e da dinamización lingüística xunto a outras do mundo empresarial e da creación de marcas.

No encontro examinaranse algúns dos sectores implicados na creación de nomes comerciais, o valor das marcas galegas, as estratexias de márketing empregadas e as oportunidades pedagóxicas que ofrece este material para traballar na aula.

A busca dun nome que resulte distintivo ou atractivo comercialmente adoita abordarse empregando diversos procedementos e, segundo Boullón, un dos máis recorridos é o do apelido da persoa que fundou a empresa, "pero tamén se acode a procedementos máis imaxinativos e evocadores ".

É o caso, por exemplo, de EFerro, a empresa de zocos de Vila de Cruces fundada por Elena Ferro, que nomea os seus modelos con topónimos galegos como San Cosme de Nete.

A creadora desta firma será unha das intervenientes na mesa redonda que pechará a xornada, que contará tamén coas achegas de Xosé González Martínez, creador do Foro Enrique Peinador de empresas pola normalización da lingua e impulsor da campaña de etiquetado en galego Con acento propio; e Irene García e Raquel Boo, do estudio Ekinocio de deseño e comunicación, dende o que traballan na creación de marcas.

Os nomes dos bares e restaurantes centrarán a primeira sesión da tarde, a cargo da profesora Celtia Rei Brandón, que exporá unha experiencia didáctica sobre o tema desenvolvida no barrio vigués de Coia.

A xornada comezará cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado.

A continuación, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falará dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e a profesora Sara Míguez referirase á relación das marcas coa paisaxe lingüística dende o caso de Redondela.

A continuación, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, trazará unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Pérez Tizón.

 As persoas interesadas en inscribirse na quinta edición poderán facelo ata o 15 de outubro, segundo indica o programa.