A regueifa mellor cantada do ano pertence ao reivindicativo Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio

Pontevedra
03 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A sétima edición do certame Enreguéifate, un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, avaliou 56 regueifas divididadas en categoría escolar e xeral. O colectivo de persoas maiores de Poio vencía cunha peza onde reivindican que "o da experiencia ten que ser sempre escoitada". Os galardóns foron entregados este mércores 3 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio Enreguéifate

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollía este mércores 3 a entrega de premios da sétima edición do certame Enreguéifate, un proxecto que promoven os concellos de Pontevedra, Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo. 

Neste certame búscase a promoción da regueifa, a improvisación oral en verso tanto entre estudantes como entre adultos.

A gala contou coa presenza de máis de 300 persoas entre o público nun acto conducido polo músico e regueifeiro Manolo Maseda, co escrito e tamén regueifeiro Séchu Sende; ademais das formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces.

Entre os distintos galardóns destaca o recibido polo Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio. Esta agrupación lograba o premio á regueifa "mellor cantada" na categoría xeral pola súa interpretación de 'Sempre vida', unha copla irónica na que se destacan os valores das persoas de idade avanzada.

"Somos persoas maiores dándolle vida aos anos, o mesmo imos de viaxe, que bailamos, que cantamos", comeza a peza para continuar coas reivindicacións: "somos quen de facer moito, aínda damos moita caña. Temos as pensións segura e aínda temos para unha caña".

"Coa mente sempre aberta, traballando a memoria, exercitando o corpo somos pobo, somos historia", cantan desde este grupo maioritariamente integrado por mulleres, que conclúen cunha petición ""o valor da experiencia ten que ser sempre escoitada co cariño das familias e o respecto da cativada".