A Sala Karma e o Canteira Fest de Vilaboa, finalistas nos novenos Premios Martín Códax da Música

Pontevedra
15 de setembro 2022

Cunha gran festa celebrada en Cambados, os Premios Martín Códax da Música desvelaron os finalistas para a súa novena edición. E entre os nominados que optarán aos galardóns que se entregarán o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, hai presenza pontevedresa

Finalistas dos novenos Premios Martín Códax da Música
Finalistas dos novenos Premios Martín Códax da Música / Premios Martín Códax da Música

Cunha gran festa celebrada en Cambados, os Premios Martín Códax da Música desvelaron os finalistas para a súa novena edición. E entre os nominados que optarán aos galardóns que se entregarán o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, hai presenza pontevedresa.

A Sala Karma é unha das tres salas de concertos que competirán polo premio, xunto á Sala Rebullón (Mos) e A Arca da Noe (Vilar de Santos). O Canteira Fest de Vilaboa, pola súa banda, competirá na categoría de festivais co Canjazz de Cangas e o Festival de Ortigueira.

Ademais, na categoría de espazos de comunicación musical, optará ao premio o programa Descúbreas da Deputación de Pontevedra, xunto a Ondas Indies (Radio Galega) e A Xente de Teo.

En total serán corenta e cinco bandas e artistas, tres por cada categoría musical, os que pasaron á recta final. Serán agora os socios de Músicas Ao Vivo os que elixirán os gañadores.

Na categoría de Pop e Indie os artistas seleccionados son De Vacas, Anxo Araujo e Néboa; en Rock, Familia Caamagno, Moura e Bala e en Blues, Funk e Soul, Nastasia Zürcher, Udra e O Cadelo Lunático.

As tres propostas finalistas en Canción de Autor/a son Antía Muíño, Xóan Curiel e Sofía Espiñeira, mentres que en Músicas Urbanas son Rebeliom do Inframundo, O Rabelo e Ilmarto. Grande Amore, Garza e Hilario Rodeiro recibiron o seu agasallo como finalistas da categoría de Electrónica e, no caso do Metal, os afortunados foron os grupos Arrhythmia, Grima e Teima.

No apartado de Música Clásica e Contemporánea son finalistas Samudra Trío, Katerina Linke e Fernando Abreu; e en Jazz e Músicas Improvisadas, Xosé Miguélez 4tet, Orquestra Galega de Liberación e Valentín Caamaño.

Na categoría de Músicas do Mundo e Mestizaxe, resultado de fusionar as dúas existentes nas edicións previas dos premios, chegan á final Catuxa Salom, Nebra e Sheila Patricia. En Música Tradicional, Airiños da Freba, Cántigas e Frores, e Os da Porfía foron os nomeados, e en Folk foi a quenda de Cuarteto Caramuxo, Oîma e Os d’Abaixo.

Mamá Cabra, Pitusa Semifusa e Martiña Soñadora son os proxectos musicais que resultaron finalistas na categoría Infantil; mentres que en Orquestras, Grupos e Música de Verbena a triada finalista é La Oca Band, Bicoia e América de Vigo, e en Bandas de Música Popular, a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Cultural de Salceda e A Banda de Lombás.

Ademais o xurado encargouse de seleccionar o premio Artista Emerxente, unha das novidades en canto a categorías extraordinarias que se darán a coñecer na propia gala deste ano. Abrirase a participación tamén ao público, que poderá votar na outra nova categoría extraordinaria desta edición (Artista do Ano) a través da páxina web dos premios. Nos próximos días tamén se desvelará o Premio Honorífico 2022.