A segunda xornada do Vilagarcía, Cidade de Libro, chega cargada de misterio

O Salnés
11 de xuño 2024

Lorenzo Silva e Noemí Trujillo presentan en Vilagarcía "La innombrable" a última aventura da inspectora Manuela Mauri. Compartirán conversa con Arantza Portabales e cos galegos Pedro Feijoo e Rober Cagiao. Os cinco asinarán libros nas casetas da Cidade de Libro

Actividade do 'Vilagarcía, Cidade de Libro' Concello de Vilagarcía

A segunda xornada do 'Vilagarcía, Cidade de Libro', a do mércores 12 de xuño, chega cargada de misterio e cun cartel repleto de grandes autores galegos e de ámbito nacional. 

Baixo o epígrafe "VGA en negro" desfilarán polas casetas de firmas Pedro Feijoo, Arantza Portabales e Rober Cagiao, xunto con Noemí Trujillo e Lorenzo Silva, estes dous para presentar unha nova aventura da inspectora Manuela Mauri, a protagonista da saga policíaca da que xa levan coescrito tres novelas. A última, "La innombrable". 

Os cinco autores especializados no thriller protagonizarán a 'Conversa ao solpor' a partir das 20.30 horas no escenario principal do Parque Miguel Hernández. O xornalista Carlos Crespo moderará a sesión na que o público tamén poderá intervir.

A axenda do día na Cidade de Libro ábrese o mércores coa xincana literaria na que, a partir das 10.00 da mañá, participarán escolares dos distintos centros educativos do municipio. As casetas da exposición e venta de libros abrirán as portas ás 18.00 horas.

Á mesma hora, no espazo infantil de 'O Recuncho dos Contos' comezará o espectáculo familiar "Contos para cagar patatiñas", unha sesión de relatos contados por Brais das Hortas na que non faltarán a música, o humor e os efectos especiais, e na que o público poderá interactuar.

Ás sete da tarde e no mesmo escenario desenvolverase "O club de cazadores/as de misterios", unha actividade dirixida polos monitores de Corticata na que os asistentes aprenderán a investigar superando retos que lles permitan acceder a este selecto club.

CONVENCIÓN DE INVESTIGADORES DE FICCIÓN

E a xornada rematará coa esperada 'Conversa al solpor' un faladoiro no que de seguro aparecerán personaxes tan coñecidos como a parella da Guarda Civil formada polo subtenente Bevilacqua e a sarxento Chamorro, de Lorenzo Silva; a xa mencionada inspectora Manuela Mauri creación deste e de Noemí Trujillo; as inspectoras Paola Gomez e Lola Sallas das novelas de Rober Cagiao; o inspector Santiago Abad e a subinspectora Ana Barroso creados por Arantza Portabales, ou a xornalista Marosa Vega, protagonista de "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo.