Eva Vilaverde, alcaldesa en funcións e concelleira de Persoal de Pontevedra, deu conta este venres do deseño definitivo da Oferta de Emprego Público (OEP) do Concello para este ano 2026.
O documento recolle a convocatoria dun total de 32 prazas destinadas a reforzar a estrutura da administración municipal e dos corpos de seguridade e extinción de incendios.
A gran novidade desta convocatoria radica na aprobación duns criterios xerais que incorporan as directrices do Plan de Igualdade municipal. A partir deste ano, todos os procesos selectivos incluirán contido específico sobre igualdade no seu temario.
Ademais, establécese un mecanismo de desempate polo cal, ante igualdade de puntuación, outorgarase preferencia á muller naquelas categorías profesionais e departamentos onde se detecte unha situación de "infrarrepresentación" do sexo feminino, tras unha análise previa que se realizará antes de cada convocatoria, segundo manifestou a concelleira.
O plan de emprego estrutúrase en tres grandes bloques para equilibrar a promoción do persoal propio, a mobilidade interadministrativa e o ingreso de novo persoal:
Por quenda libre ofértanse 18 prazas: Trátase do acceso aberto a toda a cidadanía. Neste bloque destacan sete prazas de Policía Local. A selección depende da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
Tamén se inclúen perfís técnicos (un arquitecto, un traballador social, un enxeñeiro técnico de obras públicas e un técnico medio de arquivos), así como postos administrativos e de oficios (oficial de extinción de incendios, subalterno e oficial carpinteiro).
Dentro desta quenda, salientase a reserva de dúas prazas para diversidade funcional: unha de auxiliar para persoas con discapacidade xeral e unha de operario reservada en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual, que contará cunha convocatoria independente e un temario propio.
10 prazas por promoción interna, que se distribúen en perfís técnicos (enxeñería informática, xestión), administrativos e varias prazas para os corpos de seguridade, como un sarxento de bombeiros e mandos da Policía Local.
As vacantes por mobilidade complétanse con procedementos específicos de mobilidade, onde se oferta unha praza de inspector principal da Policía Local, que debe cubrirse mediante este sistema por normativa.
Dentro das prazas de quenda libre, a alcaldesa en funcións salientou a convocatoria da praza de operario reservada en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual. Vilaverde sinalou que é a primeira vez que sucede, xa que en procesos anteriores estas reservas dirixíanse a postos de subalterno ou auxiliar. Esta praza contará cun proceso selectivo independente e un temario adaptado e específico para facilitar a inserción laboral destas persoas.

Na actualidade, a Relación de Prazas de Persoal completa ascende a 532 postos, dos que 476 permanecen en activo e traballando a día de hoxe, quedando o resto pendente de diversas fases de cobertura, baixas ou xubilacións recentes.
POLICÍA LOCAL: 100 EFECTIVOS
O corpo da Policía Local conta cun total de 127 prazas sobre o papel, aínda que unha delas está derivada a tarefas da administración xeral ao pasar á situación de segunda actividade.
Con 100 axentes operativos nas rúas na actualidade, segundo explicou Eva Vilaverde, o cadro presenta 23 vacantes.
A este colectivo hai que engadir outros cinco policías que están pendentes de incorporarse procedentes da oferta de 2025 a través da AGASP. Tras a negociación colectiva producíronse tres baixas adicionais que non puideron ser integradas a tempo no expediente actual, segundo a concelleira.
BOMBEIROS
O Servizo municipal de Extinción de Incendios dispón dunha listaxe de 43 prazas, tendo nestes momentos 41 cubertas.
A xestión de postos neste departamento atópase co bloqueo de catro prazas de bombeiros que lograron postos no Concello de Vigo. Ao estar realizando o preceptivo curso de formación de cinco meses na cidade olívica, manteñen a súa condición de funcionarios en Pontevedra sen que as súas prazas poidan saír a oposición, explicou Vilaverde.
A tramitación dos procesos selectivos correspondentes á quenda libre realizarase de xeito graduado ao longo de todo o ano 2026.
A concelleira explicou que a complexidade administrativa que implica a confección de bases, a designación de tribunais e a realización das probas obriga a priorizar as necesidades máis urxentes de cada área, polo que non se descarta que algúns dos exames teñan que celebrarse xa durante o ano 2027.