A sensibilidade de Xabier Díaz e Guadi Galego abraian na Ferrería

Pontevedra
19 de agosto 2017

Os dous músicos ofreceron un concerto xuntos para amosar as raíces da música tradicional do folclore galego acompañados por Adufeiras de Salitre, dentro da programación das Festas da Peregrina 2017

Concerto de Guadi Galego e Xabier Díaz
Concerto de Guadi Galego e Xabier Díaz / Cristina Saiz

O público que na noite deste venres acudía ata a Praza da Fererería bailou, cantou e puido achegarse ao máis íntimo da música tradicional de Galicia grazas ao concerto que dous grandes da música deste país ofreceron dentro da programación das Festas da Peregrina.

Xabier Díaz, o compositor e cantante subiu ao escenario co seu grupo Adufeiras de Salitre, co que logrou en 2016 o premio ao mellor álbum de música tradicional nos Premios Galegos da Música. Guadi Galego, a gaiteira, pianista e vocalista, uníase a esta proposta sonora na que ambos interpretaron algúns dos temas máis coñecidos da súa discografía cargados de emoción.

Guadi Galego foi a cantante do grupo Berrogüetto ata xaneiro de 2008, cando abandonou a formación e o seu posto como vocalista foi ocupado polo propio Xabier Díaz. Os dous desenvolveron xuntos diversas xiras e actualmente percorren Galicia con O mundo está parado.