A terceira edición das Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial porá o foco nos coñecementos compartidos

Pontevedra
09 de outubro 2023

Representantes de institucións museísticas de Galicia, España, Portugal e Suíza participarán no evento, que terá lugar os días 14 e 15 de decembro no Museo de Pontevedra

Obradoiros de verán no Museo Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acollerá o 14 e 15 de decembro as III Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, este ano baixo o lema ‘Coñecementos compartidos’. 

O evento quere consolidarse como espazo de referencia para o diálogo e a reflexión sobre o papel dos museos e dos espazos educativos na formación de conciencias activas, solidarias e socioafectivas coa comunidade. 

Nas xornadas poranse en común experiencias relevantes no eido da educación patrimonial por parte de profesionais e persoal investigador de museos, universidades e outras entidades de Galicia, España, Portugal e Suíza.

As xornadas están organizadas polo Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela. O programa inclúe conferencias, mesas de debate, obradoiros, espazos de diálogo e unha sesión de presentación de investigacións e experiencias prácticas. 

Participarán representantes do Zentrum Paul Klee de Berna e o Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design de Basilea, ambos en Suíza, das universidades de Santiago de Compostela, Lleida, Barcelona e Zaragoza, da Bienal de Cerveira (Portugal) e de museos e centros educativos de Galicia.

As xornadas pretenden ser un foro para compartir experiencias e inquedanzas, estender voces e miradas, revisar rutinas e impulsar cambios entre profesionais da educación e dos museos, así como o público en xeral. 

Están dirixidas a profesionais e persoas investigadoras relacionadas coa acción cultural e educativa nos museos, pero tamén ás que traballen a educación patrimonial desde outros ámbitos e a estudantes de disciplinas relacionadas coas Humanidades, entre outro público.

A inscrición é gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación, e pódese facer ata o 4 de decembro a través da web.

Tamén está aberta a participación a través do envío de pósters vinculados coas liñas temáticas das xornadas. Ata o 10 de novembro poderase presentar a solicitude previa indicando a temática, autoría e resumo.

As xornadas están dirixidas por Belén Castro Fernández, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC, coa coordinación xeral de Agar Ledo Arias, do Museo de Pontevedra, e coordinación científica de Ana Portela Fontán, da Universitat de Barcelona. 

As conferencias correrán a cargo de Martin Waldmeier, conservador de arte moderna e contemporánea do Zentrum Paul Klee (Berna, Suíza); Javier Bará Temes, catedrático xubilado da Universitat Politècnica de Catalunya; e Chus Martínez, directora do Institute Art Gender Nature FHNW Academy of Arts and Design (Basilea, Suíza). Este é o programa completo