A 'Voz de muller' de Amparanoia pon o ritmo a un caloroso sábado na Ferrería

Pontevedra
18 de xullo 2021

O ciclo 'Con Voz de Muller' despídese este domingo 18 de xullo con Uxía no último concerto previsto no escenario da Ferrería, tomando a testemuña ao ritmo e boas vibracións de Amparanoia, protagonista da noite do sábado

Concerto de Amparanoia na Praza da Ferrería
Concerto de Amparanoia na Praza da Ferrería / Cristina Saiz

Amparanoia foi a encargada de poñer o ritmo festivo á noite do sábado en Pontevedra, na penúltima xornada do ciclo 'Con voz de muller'.

O escenario da Ferrería contaxiouse das boas vibracións da banda liderada por Amparo Sánchez, que tras case 25 anos de traxectoria chegou á Boa Vila con material novo, presentando o seu traballo 'Himnopsis colectiva'.

O espazo acoutado da Ferrería encheu de público, sempre respectando as medidas de seguridade, e con máis asistentes gozando desde fóra do perímetro das evolucións do espectáculo.

O ciclo 'Con voz de muller' incluído dentro da programación festiva de verán 'O Son da Rúa' terá este domingo 18 de xullo unha última cita co concerto de Uxía, a partir das 22.00 horas.