As Festas da Peregrina xa teñen pregoeira: Violeta Mosquera, batería de Bala

Pontevedra
20 de xullo 2021

Lucense de nacemento e pontevedresa por elección. Así é a próxima pregoeira das Festas da Peregrina. Trátase de Violeta Mosquera, batería e voz da banda de rock Bala, unha das grandes sensacións do panorama musical galego

Presentación de Violeta Mosquera como pregoeira das Festas da Peregrina
Presentación de Violeta Mosquera como pregoeira das Festas da Peregrina /

Lucense de nacemento e pontevedresa por elección. Así é a próxima pregoeira das Festas da Peregrina. Trátase de Violeta Mosquera, batería e voz da banda de rock Bala, unha das grandes sensacións do panorama musical galego.

"Eu fun a primeira abraiada con esta noticia", recoñeceu a flamante pregoeira que, acompañada do alcalde e da edil de Festas, asegurou que "éncheme de honra e de orgullo" esta decisión, ante a que "non cabía a opción de dicir que non".

Chegou a Pontevedra hai 15 anos para estudar Comunicación Audiovisual e decidiu quedar porque "é unha cidade marabillosa". Foi o lugar que escolleu, explicou, "para facer vida e carreira", xa que ademais de Bala forma parte do claustro da Escola Bonobo.

Con respecto ao seu pregón, Mosquera apuntou que o fará "con corazón e con paixón" e nel estará presente, como non pode ser doutra maneira, a música porque "é o elemento central da miña vida" e porque, xunto coa cultura, quere reivindicala "nestes tempos escuros".

Aproveitou, a este respecto, para defender que a cultura "é segura" e que, en cuestión de apoio a este sector, Pontevedra "non defrauda".

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que Violeta Mosquera é unha "referencia" dentro da xente "que vive na cidade ou que escolleu esta cidade" e que contribúe a que Pontevedra sexa unha "factoría de creatividade".

O Concello quería poñer en valor este ano, coa súa elección como pregoeira, a todas as persoas que forman parte da "vangarda cultural" que existe na cidade e que contribúen a dar forma á Pontevedra "que queremos", concluíu Fernández Lores.

"É unha honra contar con xente como ela en Pontevedra", engadiu a edil de Festas, Carme da Silva, que explicou que o pregón será o vindeiro sábado 7 de agosto, ás 12:00 horas, no Palco da Música da Alameda.