A xira máis íntima de Marlango chega a Pontevedra o 4 de marzo

Pontevedra
19 de febreiro 2017

Tras xirar por toda España co seu último disco, El porvenir, Marlango optou por dar unha volta de porca aos seus espectáculos. A banda capitaneada pola actriz e cantante Leonor Watling decidiu ofrecer concertos acústicos máis íntimos. Con ese formato chegarán a Pontevedra. Será o próximo 4 de marzo no Teatro Principal

Marlango interpreta "Enjoy the Ride" /

Tras xirar por toda España co seu último disco, El porvenir, Marlango optou por dar unha volta de porca aos seus espectáculos. A banda capitaneada pola actriz e cantante Leonor Watling decidiu ofrecer concertos acústicos máis íntimos. Con ese formato chegarán a Pontevedra. Será o próximo 4 de marzo no Teatro Principal.

Farano ben arroupados polo público pontevedrés. Máis da metade do aforamento do Teatro xa está vendido para este concerto. As entradas seguen á venda, a un prezo de 14 euros, na central de compras de Ataquilla.com.

O concerto de Marlango será o primeiro do ciclo As Matinés do Principal e, como o seu nome ben indica, será nun horario pouco frecuente para este tipo de eventos: as doce do mediodía. Así, os organizadores esperan atraer a un público familiar.

Delicatessen é o nome de xira coa que Marlango atópase percorrendo España e América latina. O protagonismo é para El porvenir, o seu sexto disco e o segundo en castelán. 

Nesta ocasión, o dúo formado por Leonor Watling e Alejandro Pelayo sobe ao escenario sen banda, os dous sós sobre as táboas, coa súa voz e co seu piano.

A intención é buscar o espazo e as condicións ideais para conectar co público dunha forma máis directa e íntima, logrando que cada concerto sexa unha experiencia única.

Marlango, que actualmente se atopa compoñendo as cancións do que será o seu sétimo álbum, leva xa máis de doce anos de carreira musical e, ao longo de todo este tipo, demostraron ser unha das bandas máis sólidas do panorama musical español.