Achéganse os XII Premios Martín Códax da Música ao Pazo da Cultura cunha aperta entre tradición e futuro

Pontevedra
23 de maio 2025

Leilía recibirá o premio honorífico nunha gala que homenaxeará ás cantareiras e á tradición oral galega na noite do 28 de maio coa presentación da regueifeira Lupe Blanco e do bailador Xisco Feijóo

Presentación da XII edición dos Premios Martín Códax da Música
Presentación da XII edición dos Premios Martín Códax da Música / Mónica Patxot

O auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores 28 de maio a duodécima edición dos Premios Martín Códax da Música.

Será a gran festa anual do sector musical galego que este ano renderá homenaxe ás cantareiras e á tradición oral, coincidindo co Día das Letras Galegas 2025 dedicado á poesía tradicional oral.

A gala, que dará comezo ás 20:30 horas, será conducida pola regueifeira Lupe Blanco e o bailador e músico Xisco Feijoó, dous referentes da cultura tradicional galega.

"Pensamos facer unha presentación curta, case tan curta como os parabéns e as lembranzas que van facer as premiadas e os premiados, baseada na nosa tradición oral", adiantou Feijoó, cun sorriso, durante a presentación do evento.

O grupo Ailá será o encargado da banda sonora da noite, unha formación que, segundo destacou Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo, "xa está máis que consolidada co seu cuarto disco e estivo representándonos en festivais internacionais como Lorient, Womex ou Glasgow".

Ailá levará ao escenario a súa proposta baseada na recolla e pensada para bailar e gozar da música tradicional galega. Será unha noite de "febre tradi", afirmou Sheila Patricia.

Durante a presentación do evento este venres 23 no Concello de Pontevedra, o edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que estes premios son "un espaldarazo aos músicos e músicas galegas" e "unha das citas obrigadas da cultura deste país, da música galega e da primavera pontevedresa".

Gómez subliñou tamén a importancia da colaboración institucional que fai posible este evento.

Nesta liña, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, afirmou que "Pontevedra está sendo epicentro da arte e da cultura, xa sexa audiovisual cos Feroz, musical cos Martín Códax ou artística coa inminente Bienal de Pontevedra".

Domínguez, que indicou que o seu aniversario persoal (o día 29) case coincide con este evento, destacou a importancia de que "todas as administracións, aínda desde distintas sensibilidades, poidan traballar polo progreso da cultura de Galicia".

Pola súa banda, Pilar Portela, coordinadora do Departamento de Música e Danza da AGADIC, trasladou o apoio da Xunta de Galicia a uns premios que "contribúen a visibilizar o talento musical de Galicia, non só a interpretación e a creación, senón proxectos vinculados a outras fases do sector, como as salas ou os medios de comunicación".

Portela lembrou tamén que a propia AGADIC recibiu hai dous anos un premio pola plataforma Galician Tunes, dedicada á difusión do talento musical galego.

Jorge Pallarés, director de Marketing das Adegas Martín Códax, ratificou o compromiso da empresa co evento: "Levamos no noso ADN unha forma de manifestar a nosa orixe, que é tan importante nos nosos viños, e por suposto na aposta en valor, dar a coñecer como somos como pobo". Pallarés anunciou que seguirán apoiando o proxecto "sempre que nos deixades".

Xisco Feijoó será un dos presentadores da gala dos XII Premios Martín Códax da Música
Xisco Feijoó será un dos presentadores da gala dos XII Premios Martín Códax da MúsicaMónica Patxot

RÉCORD DE PARTICIPACIÓN

Sheila Patricia anunciou que nesta edición presentáronse 512 proxectos, superando os 460 do ano pasado, o que demostra "a boa saúde que está a amosar o sector da música en Galiza".

A votación popular para elixir os gañadores permanecerá aberta ata este domingo 25 de maio a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal.

No reconto final, o 50% corresponderá aos votos do público e o outro 50% aos socios de Músicas ao Vivo. O ano pasado rexistráronse arredor de 4.000 votos do público, cifra que esperan superar nesta edición.

Entre os 20 galardóns que se entregarán, destacan os 15 premios musicais habituais por categorías (con tres finalistas por cada unha), o premio honorífico que recibirá o grupo Leilía, e o premio Artista Emerxente, que este ano presenta como novidade un foco específico en creadores novos "que están creando de cero". Nesta categoría son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex.

Diego Valeiras, escenógrafo da gala, adiantou que a posta en escena "vai falar moi da tradición oral e vai significar ese abrazo da tradición pero tamén con respecto á modernidade e ao futuro". Segundo Valeiras, "tradición non é pasado, senón que tradición e cultura tamén ten que ser futuro", polo que a escenografía partirá "desde a tradición máis enraizada, máis radical na raíz, pero tamén cunha visión de cara ao futuro".

A gala promete ser unha noite onde "vai haber xotas, muiñeiras, moita música, onde todos os estilos son benvidos, moito máis alá da música tradicional", segundo destacou Sheila Patricia.

O evento poderá seguirse en directo a través da plataforma agalega.gal e na web dos premios, xa que o aforo para público xeral podería estar limitado debido á gran cantidade de finalistas e acompañantes.

A organización anunciou que o luns comunicará en redes sociais as posibles vacantes para quen queira asistir presencialmente ao Pazo da Cultura.

Os Premios Martín Códax da Música están organizados por Músicas ao Vivo, coa colaboración e apoio das Bodegas Martín Códax, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (AGADIC), e Deputación de Pontevedra, ademais da CRTVG.

Reunión de organizadores dos Premios Martín Códax con colaboradores no despacho da Alcaldía
Reunión de organizadores dos Premios Martín Códax con colaboradores no despacho da AlcaldíaMónica Patxot