As agrupacións locais de música tradicional, protagonistas do Día das Letras Galegas en Sanxenxo

Sanxenxo
07 de maio 2025

O programa previsto para o Día das Letras Galegas contará en Sanxenxo con actividades pola mañá e pola tarde na Praza do Pazo e no Auditorio Emilia Pardo Bazán

Concurso de Música Tradicional Soalleira
Concurso de Música Tradicional Soalleira / Soalleira

O Día das Letras Galegas estará adicado este ano ás cantareiras e á tradición oral popular.

Por ese motivo o Concello de Sanxenxo decidiu que homenaxeará nos seus actos previstos os grupos locais de música tradicional.

Nesa lista de formacións atópanse: Os Gatiños, Abiñadoira, Soalleira, Lembranzas, Airiños e Os Cruceiros.

O tributo realizarase nun acto previsto para o propio sábado 17 de maio no Pazo Emilia Pardo Bazán, ás 18.00 horas.

"Queremos homenaxear nese día as nosas pandereteiras e poñer en valor o talento local", asegura Elena Torres, concelleira de Cultura, sobre un acto que contará cunha presentación e con actuacións de todos os grupos.

Previamente lembrarase a traxectoria e legado das cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama de Cerdeda; Eva Castiñeira Santos de Muxía; e as integrantes das Pandereteiras de Mens Malpica (Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda).

O cantautor Manoele de Felisa tamén intervirá cunha actuación finalizando a xornada coa interpretación do himno galego.

O Día das Letras Galegas arrincará en todo caso xa en horario de mañá, ás 12.00 horas, coa entrega de premios do XXII Certame Literario Os Picariños, Premios Mestre Hermida, organizado polo Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo.

Para esta xornada tan especial elaborouse un cartel no que aparece a imaxe dun cadro de Manuela Martínez, alumna do Centro de Arte de Sanxenxo.