'Aires galegos' soarán no convento de Santa Clara a través do piano de Iván Fernández

Pontevedra
04 de maio 2022

A actuación do pianista vigués está prevista na capela do convento o venres 13 de maio ás 20.00 horas. A cita cultural forma parte da programación do festival 'Híbridas en Santa Clara'

O intérprete Iván Fernández ante o piano
O intérprete Iván Fernández ante o piano / https://www.ivanfernandezsoto.com/

O pianista vigués Iván Fernández será o protagonista do próximo concerto de 'Híbridas en Santa Clara', que se celebra na capela do convento. A cita está prevista para o venres 13 de maio a partir das 20.00 horas.

O músico interpretará ao piano obras de catro autores galegos: Xoán Montes, Andrés Gaos, Juan Durán e Rogelio Groba.

 'Aires galegos' é o título do último álbum do intérprete e tamén deste recital no que se ofrecerá unha viaxe sonora por obras inspiradas na música tradicional de Galicia.

No programa figuran unha selección de Baladas Galegas, de Xoán Montes; as pezas 'Novos aires galegos' e 'Aires Galegos', de Andrés Gaos; a 'Fantasía sobre un tema popular' e tamén a 'Fantasía sobre O Galopín', obras de Juan Durán; ademais de 'Soatiña', peza de Rogelio Groba.

Segundo o músico esta selección forma parte dun conxunto de miniaturas inspiradas na música tradicional cheas de frescura e orixinalidade. Cada un destes autores ofrece a súa particular visión da música co costumismo de Gaos; o virtuosismo romántico de Durán; a reinterpretación musical de poemas, que ofrece Montes; e o vangardismo de Groba.

Iván Fernández ofrecerá unha interpretación rigorosa, froito dunha ampla traxectoria profesional, neste concerto con entrada libre ata completar a capacidade da capela do convento de Santa Clara, establecida en 155 persoas sentadas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora