Aladino ou Alí Babá cobran unha nova vida no arranque de Titirivedra

Pontevedra
16 de xullo 2024

Con As mil e uma noites, da compañía Caricata Teatro, comezou unha nova edición do ciclo de espectáculos de marionetas Titirivedra, unha das apostas que fai as Festas de Verán de Pontevedra polo público infantil

"As mil e uma noites", de Caricata Teatro, no ciclo Titirivedra Mónica Patxot

Con As mil e uma noites, da compañía Caricata Teatro, comezou unha nova edición do ciclo de espectáculos de marionetas Titirivedra, unha das apostas que fai as Festas de Verán de Pontevedra polo público infantil.

Moitos foron os nenos e nenas que, acompañados das súas familias, non se quixeron perder a primeira das sete representacións que se desenvolverán na Alameda toda esta semana.

A primeira foi esta adaptación deste clásico da literatura que, partindo desde un punto de vista actual, usaba marionetas construídas con elementos de cociña.

Foi un espectáculo divertido e diferente onde os pequenos puideron coñecer os contos máis famosos das mil e unha noites como 'Aladino e a lámpada marabillosa' ou 'Ali Babá e os corenta ladróns'.

Titirivedra continuará este martes, a partir das sete da tarde, con O galo Quirico, de Monicreques Seisdedos.

O resto da programación pódese consultar nesta ligazón.